Site icon Crónica3.com A Mariña

Última oportunidade para recoller un composteiro do programa “Viveiro Sustentable”

Viveiro, 11 de outubro de 2021. O Concello de Viveiro anuncia a última entrega de composteiros deste ano, no marco do seu proxecto “Viveiro sustentable”, unha iniciativa de loita contra o cambio climático e defensa do medio ambiente.

A primeira campaña do proxecto consiste na compostaxe doméstica, co obxectivo de que 300 familias do Concello de Viveiro composten na súa casa. O único requisito é ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo.

Entregaranse composteiros a tódalas persoas interesadas no Pavillón Polideportivo Municipal de Viveiro o mércores 13, o xoves 14 e o venres 15 de outubro entre as 16:00 e as 20:00. Ao recollelo será necesario indicar un número de teléfono e o nome. Para participar de forma gratuíta no programa pódese completar un formulario (https://cutt.ly/yhO5rrF), enviar un correo electrónico a viveirosustentable@mediagesgm.com ou chamar ao número 675.507.832.

As persoas que recollan o composteiro recibirán unha chamada para completar os seus datos, pero tamén poden facelo nun formulario online antes ou despois da recollida.

Logo disto, os participantes recibirán a visita das Mestras Composteiras que farán o labor de formación para o mellor funcionamento dos composteiros na semana entre o 18 e o 22 de outubro.

Preténdese con esta aposta pola compostaxe que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia nos propios fogares.

A iniciativa, de financiación europea, conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Exit mobile version