Site icon Crónica3.com A Mariña

Vestas, o Plan Rexurbe, e a educación secundaria para adultos, a debate no pleno de Ribadeo deste martes

Ribadeo, 2 de outubro de 2021. A solicitude de incorporación do conxunto histórico de Ribadeo ao Plan Rexurbe, a esixencia á Consellería de Educación para que manteña os módulos que viña ofertando de ensinanzas de Educación Secundaria para adultos no IES Dionisio Gamallo ou o apoio do Concello de Ribadeo ao cadro de persoal de Vestas son algúns dos asuntos do pleno ordinario convocado para o vindeiro martes, 5 de outubro, ás 20 horas, segundo informou o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que “convocamos un pleno ordinario para a semana que vén onde trataremos temas interesantes, coma sempre. Solicitaremos formalmente á Xunta a incorporación do conxunto histórico de Ribadeo no chamado Plan Rexurbe. Esta figura xurídica parécenos moi interesante para o noso casco vello agora que vimos de aprobar o Plan Especial de Protección hai poucos meses. Con este Plan Rexurbe contamos que poida haber máis e mellores axudas á rehabilitación de edificios. Ademais, plantéxanse ámbitos de acción conxunta entre a Xunta e o Concello para impulsar a reforma e rehabilitación de espazos que levan moito tempo degradados, como o barrio de Cabanela, ou tamén actuacións en zonas verdes da Virxe do Camiño e a capela anexa, na estrada do faro ou mesmo actuacións en edificios públicos coma o xulgado de paz vello, o Cine Teatro ou o forte de San Damián”.

Fernando Suárez seguiu a relatar que “igualmente levaremos unha proposta de nova convocatoria de axudas dos vixentes convenios das Areas de Rehabilitación dos núcleos tradicionais de Ribadeo e Rinlo, xa que a día de hoxe aínda non están comprometidos todos os fondos públicos dispoñibles, polo que é unha mágoa que se poidan perder. De aí que queiramos abrir unha nova convocatoria coa condición de que as obras deben estar totalmente rematadas en abril de 2023”.

O alcalde sinalou que “tamén propoñerémoslle ao Pleno que se dirixa á Consellaría de Educación da Xunta para que recúe na súa pretensión de eliminar a oferta de ensinanzas de Educación Secundaria para persoas adultas que se veñen impartindo desde hai moitos anos no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Parece que a presión social e máis a do mundo educativo está facendo que a Xunta dea marcha atrás, pero esta non quere ofertar os dous módulos que se viñan ofertando, o cal é un despropósito”.

E engadiu: “e como non, neste Pleno tamén falaremos e apoiaremos ao cadro de persoal da empresa Vestas de Viveiro, ao igual que o resto de Concellos desta bisbarra, xusto cando están neste momento crítico de ameaza de peche. Todas as institucións debemos conxurarnos para que este capitalismo depredador no que vivimos non permita falcatruadas coma esta: nun momento que se queren inzar os montes de muíños, resulta que unha empresa punteira quere pechar a produción de máquinas aquí na Mariña. Ribadeo é dos Concellos que mais lonxe queda de Viveiro, pero estamos moi preto del na loita pola xustiza, polo traballo e pola dignidade”.

Exit mobile version