Site icon Crónica3.com A Mariña

VIII Xornadas Micolóxicas de Nordés Faladora

O Vicedo, 6 de outubro, 2021. Chegou o outono. A choiva que caeu pola noite fai que no frescor da mañanciña o monte recenda a limpa e vivificadora humidade. Os raios do sol asoman por entre os nubeiros cargados de auga dándolle á paisaxe tons de pintura impresionista. Baixo as árbores das fragas, soutos e piñeirais xurden os saborosos cogumelos crebando mainamente a sutil liña de terra na que a espora estaba agardando dar comezo de novo a un ciclo vital que vense reproducindo dende moitos millóns de anos, pero que é tan fráxil que o ser humano o pode romper de forma moi sinxela, consciente ou inconscientemente.

Para que este ciclo inmemorial siga sen alteración cando collemos os cogumelos que lle van dar sabor e presenza aos nosos pratos é para o que Nordés organiza dende hai oito anos unhas Xornadas Micolóxicas nas que, xunto co pracer que supón saír a camiñar en boa compaña polas nosas serras, aprendemos moitas cousas do mundo dos fungos e cogumelos da man de convidados expertos: como collelos sen cometer unha desfeita, diferenciar as especies que son velenosas ou sen valor culinario das comestibles, como cociñalas, conservalas, desecalas….

Nesta ocasión a actividade prevista para as Xornadas Micolóxicas vai consistir nunha saída ao monte o domingo 17 de outubro da man de Xosé Luis Cuba, e para a que é preciso reservar posto, polo que vos facilitamos teléfono de contacto: 653 75 64 54 (Ricardo).

O custe da mesma é de 10 euros para as persoas non asociadas, e de balde para as nordesteiras e nordesteiros. A única obrigación é a de levar paxe, sendo aconsellable a roupa axeitada, a navalla, o bocadillo e a bebida da que cadaquén disfrute mais nestas ocasións.

As prazas son limitadas.

Exit mobile version