Site icon Crónica3.com A Mariña

Xa está operativo no local provisional o xulgado de Paz de Ribadeo cedido pola Xunta ao Concello

Lugo, 19 de outubro de 2021. O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe o local cedido pola Xunta ao concello de Ribadeo para acoller de xeito provisional o xulgado de Paz, que xa está a funcionar tralo remate do traslado dos funcionarios.

O Goberno galego investiu 50.000 euros no acondicionamento do local e a instalación de voz e datos, na dotación de mobiliario novo e no traslado de ordenadores, libros do Rexistro Civil e parte do arquivo a este inmoble, que acollerá o servizo mentres que o Concello leva a cabo as obras necesarias para acoller o xulgado de Paz noutro espazo que se converterá na súa sede principal e definitiva.

A Xunta completou a comezos de outubro o traslado temporal dos funcionarios a este novo local logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizase que o xulgado de Paz de Ribadeo puidese prestar este servizo xudicial de forma provisional desde as instalacións ofrecidas polo Goberno galego.

A resolución tamén indicaba que se ben este local permitirá continuar coa actividade do xulgado de Paz, actuacións como as celebracións de vodas civís deben celebrarse no Concello e, ademais, parte do arquivo seguirá no local primitivo.

A Xunta ten como competencia a dotación do persoal dos xulgados de paz, mentres que ás distintas administracións locais lle corresponden, segundo a Lei de Demarcación e de Planta Xudicial o seu mantemento coa habilitación dos medidos técnicos, instrumentais e das instalacións axeitadas.

Cómpre destacar, por tanto, a colaboración da Xunta para coa cesión dun local provisional e o seu acondicionamento mentres o concello de Ribadeo habilita a sede actual do xulgado de Paz, co obxectivo de contribuír á mellora da xustiza municipal e axudar ao municipio.

Pola súa banda, O voceiro do Grupo Municipal Popular Daniel Vega subliñou que “os traballadores xa contan dende o día 6 cunhas novas e boas instalacións nos baixos das vivendas sociais, ao lado da parada de autobuses e moi preto da Oficina do Peregrino, onde desenvolver o seu traballo e ofrecer servizo aos ribadenses nunhas condicións axeitadas”.

Vega salienta “o cumprimento da Xunta dando resposta a unha demanda que viñamos reivindicando para dar solución ao problema dos traballadores do Xulgado de Paz que traballaban nun edificio con moitas deficiencias que o goberno local ten que arranxar”. Aproveitou, nesa liña, para condenar a situación da antiga Casa do Concello: “non se pode tolerar que un edificio tan significativo para Ribadeo estea abandonado”.

Exit mobile version