Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Saúde Mental A Mariña inaugura este xoves en San Cibrao unha exposición

Cervo, 30 de novembro, 2021. A Asociación Saúde Mental A Mariña foi fundada en 1999 a instancias de cinco familias afectadas pola problemática da enfermidade mental crónica, que ante a escasez de recursos na zona da Mariña uniron as súas forzas para loitar por un obxectivo común: conseguir que ás persoas cunha enfermidade mental crónica e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia na comunidade, fixando como obxectivo prioritario a súa rehabilitación psicosocial e laboral.

En Burela, sendo a poboación máis céntrica de A Mariña, atópase o Hospital Público da Mariña e a Unidade de Saúde Mental que dan cobertura a toda esta área; son numerosos os casos de enfermidade mental crónica que atenden a diario nas consultas polo que, desde un principio, animaron ás familias a por en marcha a Asociación prestando, dende entón e até a actualidade, todo o apoio necesario para sacar adiante este proxecto.

A enfermidade mental crónica sen un tratamento correcto é devastadora, afecta a cada aspecto da vida do paciente causando deterioro persoal, social, familiar e laboral. Insistir que afecta a individuos mozos, nun período crítico para o desenvolvemento persoal e profesional, obrigando en moitos casos a estes pacientes a abandonar a súa formación ou actividade laboral. Desta forma, implica tamén unha incalculable perda de produtividade xunto co incuantificable sufrimento do suxeito e o seu entorno. A súa repercusión tanto a nivel individual como familiar é moi notable, xerando unha importante necesidade de atención integral.

Así pois, xunto co tratamento médico e farmacolóxico é necesario promover unha atención integral do paciente na que se inclúan intervencións psico-sociais dirixidas a prever a aparición de discapacidades ou a incidir, mediante técnicas rehabilitadoras sobre os déficits psico- sociais derivados da enfermidade.

Debido á alta porcentaxe de afectados na zona, a demanda dun servizo de apoio comunitario impulsou o espírito de unión e solidariedade entre as familias afectadas dando lugar ao nacemento en 1999 da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña, chamada actualmente “ Saúde Mental A Mariña” .

A principios do ano 2000, inscríbese no Rexistro Xeral de Asociacións co número 02278 Sección 1º, así como na Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude co número F-01447 e na Consellería de Sanidade e Servizos Sociais co número S-1416.

En Setembro de 2003 é aceptada en SAÚDE MENTAL FEAFES GALICIA (Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia) como membro numerario.

No ano 2008 a Entidade é declarada de Utilidade Pública, pola Orde do 4 de Febreiro de 2008.

En 2011 certifícanse os Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL Burela e Ribadeo) en CALIDADE ISO 9001, o que supón un gran avance cualitativo e cuantitativo cara a mellora continua. De feito, no día de hoxe tivemos AUDITORÍA INTERNA DE CALIDADE. É para nós moi importante estar sempre no camiño da mellora contínua.

Ata a actualidade a Asociación ten rexistrados 252 socios procedentes de todos os municipios da Mariña e, ademais, contamos cunha gran carteira de Voluntariado moi comprometido coa causa .

No ano 2013, abriuse a primeira Unidade Residencial especializada en enfermidade mental de toda a Provincia de Lugo, sita en Cervo e no ano 2019 inaugurouse a primeira vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, de todo o territorio español, ubicada en Burela, onde tamén se conta cun piso protexido.

Ademáis, contamos con proxectos novedosos en prol da mellora da calidade de vida dos usuarios dos distintos dispositivos como é A “Aula do Mar A Mariña”, Primeira Aula Inclusiva de Galicia, sendo un proxecto medioambiental e de integración social para persoas con enfermidade mental crónica, na cal se pon en valor o patrimonio costeiro, os recursos patrimoniais e ambientais da zona de A Mariña-Ortegal.

A Asociación Saúde Mental A Mariña, conta cun concerto de plazas co Servizo Galego de Saúde para dar atención integral a 25 usuari@s no Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela, a 20 usuarios no Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Ribadeo, a 5 usuari@s no Piso Protexido e a 25 usuari@s na Unidade Residencial ubicada en Cervo.

Conta ademáis cun convenio de colaboración coa Consellería de Traballo e Igualdade co que se financia a Casa de Acollida: Vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental.

Dentro do proxecto individualizado de intervención de cada usuario (PIP) marcamos obxetivos tanto nas áreas psicolóxica, social e pre-laboral, facendo un traballo moi importante coa terapia ocupacional. Todos os obxetivos encamiñados a mellorar a calidade de vida de cada un dos usuarios, polo tanto esta exposición de artesanía redundará moi positivamente na mesma ao igual que no aumento da súa autoestima.

INAUGURACIÓN EXPOSICIÓN DE ARTESANÍA

A exposición estará situada na Casa da Cultura de San Cibrao e estará a disposición dos visitantes do 2 ao 31 de decembro en horario de 9h a 15h.

A inauguración terá lugar o próximo día 2 de Decembro ás 13:00h cunha invitada especial, Dna. María Tajes Alonso, Xefa do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias da Consellería de Sanidade.

Tamén contaremos con Dna. María José Cortés, Xerente do Hospital Público da Mariña, así como do Alcalde do Excmo. Concello de Cervo, D. Alfonso Villares.

Será unha xornada interactiva posto que asistirán numerosos invitados, entre eles, técnicos, membros da xunta directiva, familias, e usuari@s dos distintos dispositivos que tamén porán en valor o esforzo e traballo por unha mellora contínua e darán testimonio en primeira persoa do que significa esta exposición para eles.

Exit mobile version