Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación esixe á Xunta que retire os cambios previstos na lei de montes veciñais, que ten como “único obxectivo retirar a xestión ás comunidades e entregarlla ás empresas forestais”

Lugo, 30 de novembro 2021. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou unha proposta de goberno, impulsada polo BNG, que esixe á Xunta a retirada das modificacións da lei de montes veciñais propostas na lei de acompañamento do orzamentos para 2022 que “supoñen un atropelo ao monte veciñal e ao intereses da veciñanza comuneira”. Nas comarcas de Lugo, integrada en 924 comunidades de montes.

Unhas modificacións, que ademais de introducirse pola porta de atrás, furtando o debate parlamentario, segundo explicou a deputada nacionalista, Mónica Freire, na práctica, supoñen que “a Xunta de Galiza poderá retirar a propiedade aos comuneiros e comuneiras por cuestións burocráticas como non actualizar o censo da veciñanza comuneira”.

A tamén responsábel de Medio Rural na Deputación de Lugo sinalou que “o único obxectivo destas modificacións é buscar excusas para confiscar a xestión á veciñanza comuneira e entregarlla de balde, por un tempo de 50 anos, ás empresas madeireiras e forestais”.

Mónica Freire insistiu na importancia social, ambiental e económica dos montes en man común – máis de 200 mil hectáreas- nas comarcas de Lugo e urxiu á Conselleria de Medio Rural a buscar solucións aos montes veciñais que non teñen constituídas comunidades.

“As administracións deberían velar polo s coidado, defensa, rexeneracion e mellora de aproveitamento dos montes. A Xunta entende que a prioridade non é esta, logo, quizais a que se debería declarar en estado de grave abandono ou degradado é a Consellería de Medio Rural”, zanxou.

A proposta, que saiu adiante cos votos a favor dos dous grupos de goberno e a abstención do PP, ademais de esixir a retirada das modificacións propostas na lei de acompañamento dos orzamentos, insta ao executivo a debater no seo do Consello Forrestal de Galiza a cuestión dos montes veciñais en man común, consultando a todo o sector e escoitando as comunidades de montes e as súas organización para rematar cun debate no Parlamento Galego.

Exit mobile version