Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación licita o contrato do subministro de sal para a rede provincial de estradas por 160.000€

Lugo, 19 de novembro de 2021. A Xunta de Goberno aprobou este venres a licitación dun contrato para o subministro de 1.600 toneladas de sal para a rede provincial de estradas por un importe de preto de 160.000€. Esta medida pretende dotar de fundentes os 12 silos que a Deputación de Lugo ten por toda a provincia para as campañas do 2022 ao 2024 co fin de afrontar as inclemencias propias do inverno, garantindo así a circulación e a seguridade nas vías.

A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, explicou que ademais de atender as estradas provinciais, a Deputación tamén facilita sal no inverno aos concellos que así o solicitan cando lles resulta necesario.

Respecto á rede viaria da institución, a Xunta de Goberno tamén licitou as obras de rehabilitación do firme dun novo tramo da LU-P-3202, que vai de Monforte a Currelos, no Saviñao, por máis de 250.000€. García Porto sinalou que con este investimento mellorarase o firme dos tres primeiros quilómetros, desde o inicio da vía ata case o comezo do corredor, aínda que o ámbito de actuación destes traballos comprende practicamente a totalidade da estrada, posto que hai que acometer cambios na sinalización. O prazo de execución das obras é de 9 meses.

A Deputada lembrou que a institución provincial “leva investidos xa máis de 400.000€ na rehabilitación desta estrada provincial, que é moi importante para o sur da provincia de Lugo ó tratarse dun traxecto moi utilizado polos veciños e veciñas dos municipios de Monforte e do Saviñao”.

Polígono da Fonsagrada e obras en Becerreá
A Xunta de Goberno adxudicou o contrato para a redacción do proxecto de execución do polígono industrial da Fonsagrada por importe de 35.000€. A adxudicataria dos traballos é a UTE Abante Meiriño e o prazo de execución dos traballos é de catro meses.
García Porto lembrou que a maiores desta achega para a redacción do proxecto, a Deputación de Lugo xa ten comprometidos outros preto de 600.000€ para acometer as obras do parque empresarial da Fonsagrada, “e cumprir así cunha demanda histórica do Concello, da veciñanza e do tecido produtivo do municipio”.

No apartado de obras, o Goberno provincial aprobou tamén a solicitude do Concello de Becerreá para destinar remanentes de actuacións do Plan Único deste ano a tres novas obras por un importe total de 20.000€. En concreto, a Deputación achegará máis de 11.600€ para mellorar o camiño de acceso ó núcleo de Paradeal, outros 2.000€ para a mellora da instalación do alumeado público en Sevane e máis de 5.200€ para o acondicionamento das beirarrúas da marxe esquerda da Rolda de Outeiro desde Eulogio Rosón.

Colaboración coa feira L de Lugo
Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 15.000€ á Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo (ADIHS) para colaborar coa organización da primeira feira L de Lugo, que se celebrará a fin de semana do 27 e 28 de novembro no Pazo de Feiras, un evento no que a Deputación tamén contará cun expositor.

Recreación dunha vivenda castrexa
Pilar García Porto informou tamén dun convenio de colaboración coa Fundación Xosé Soto de Fión que aprobou a Xunta de Goberno, por importe de 96.000€ e que ten como finalidade financiar as obras de construción dunha vivenda como as da época castrexa no Pazo Ecomuseo de Arxeriz, no concello do Saviñao. Esta actuación, que terá lugar nunha das vivendas descubertas no castro anexo ó Pazo, suporá a ampliación do Ecomuseo.

Exit mobile version