Site icon Crónica3.com A Mariña

A licitación a senda ciclable de Ribadeo

Ribadeo, 2 de novembro de 2021. O Concello saca hoxe a licitación pública o proxecto para a creación desa senda ciclable de 4 quilómetros de lonxitude que sairá dos Bloques, irá polo paseo marítimo chegando ata a praia de Rocas e logo seguirá por Vilaselán ata atoparse coa estrada da Deputación. O orzamento ascende a 320.000 euros, dos que 250.000 son achegados pola Deputación de Lugo e o resto serán aportación do Concello ribadense. O prazo de execución das obras será de 4 meses. As empresas interesadas dispoñen de 20 días para presentar as súas ofertas.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “sacamos hoxe a licitación pública este proxecto tan ambicioso e tan importante de creación deste carril bici, desta senda ciclable, que queremos facer pola beira da parte máis urbana de Ribadeo, desde a praia dos Bloques pasando polo paseo marítimo, subindo pola estrada que vai ao Faro, pasando por diante do Cargadeiro, chegando ata a praia de Rocas, virando polas pistas de Vilaselán ata encontrarnos coa estrada da Deputación. É toda unha ruta circular de practicamente 4 quilómetros, onde nus puntos singulares vamos facer un carril bici e onde non poida ser o ancho dabondo tamén vamos aglomerar todo e marcar con sinalización horizontal e vertical; serán espazos nos que a bici vai ter un papel importante”.

O rexedor dixo que “é para toda a cidadanía: para a xente nova e para a non tan nova, para os que viven en Ribadeo e para os que nos veñen visitar”.

Suárez Barcia subliñou que “para estas obras, de practicamente 320.000 euros, a Deputación aporta 250.000 e os 70.000 restantes o Concello de Ribadeo. A duración prevista é de 4 meses e todas as empresas que estean cualificadas e queiran presentar oferta poden facelo desde hoxe e durante 20 días. Toda a información téñena na páxina web do Concello ou na Plataforma de Contratos do Estado”.

O alcalde manifestou que “este proxecto é ambicioso, grande e complexo. Hai que ter en conta que tivemos que superar 7 informes sectoriais: de Urbanismo, de Costas, do Plan de Ordenación do Litoral, da Autoridade Portuaria, de Portos de Galicia, de Patrimonio e de Fomento. Polo tanto fíxose moito traballo que non se ve no último ano. Contamos cunha achega importante da Deputación, coma sempre, para esta obra”.

E engadiu: “coa pandemia e con estas leccións que nos deu, a xente quere espazos públicos para pasear e para gozar; e desde o Concello estamos intentando converter en realidade estes soños, estas inquedanzas de moita xente”.

Fernando Suárez agarda que as obras poidan dar comezo en xaneiro e que o carril bici sexa unha realidade na primavera de 2022.

Exit mobile version