Site icon Crónica3.com A Mariña

“A subvención inexplicablemente perdida para Magazos”, por Óscar Rodríguez

Un goberno que fuxe cara adiante é un goberno perigoso para os administrados; un goberno que non recoñece os seus erros, é un goberno sen vontade verdadeira de aprender para non repetilos. Pois iso é o que lle pasa ao goberno municipal de Viveiro, como pon claramente de manifesto a perda da subvención para a mellora de infraestruturas en Magazos.

Recentemente denunciamos, dende o grupo municipal do PP de Viveiro, a mala xestión do goberno local na tramitación dunha subvención para as beirarrúas de Magazos, rede de sumidoiros e abastecemento de auga. Este proxecto foi aprobado en pleno por todos os partidos que integran a corporación municipal. Non era unha subvención de concorrencia competitiva; era das que se conceden simplemente con entregar a documentación adecuada en tempo e forma. Pois nin iso foron capaces de facer e alá van os case 100.000 euros que Viveiro debía recibir para ese proxecto, tan necesario para os meus veciños durante máis de 20 anos, cos que pasei moitos dos momentos máis agradables da miña vida.

E agora vén o segundo capítulo desta historia. Resulta que o goberno municipal, en vez de asumir o erro, pretende eludir a culpa e cargar contra o goberno que outorga estas axudas, que non é outro que a Xunta de Galicia. E para iso, dende a alcaldía, solicitaron un informe á secretaría, para coñecer a posibilidade de que prospere un recurso administrativo xudicial. O informe é claro e contundente: non contempla nin sequera que sexa admitido a trámite. O informe da secretaría, que noutras ocasións é dogma de fe para calquera actuación, nesta é totalmente ignorado, tanto pola alcaldesa como polos concelleiros da oposición alleos ao PP. Lembro agora ao alcalde de Muras que, en ocasión na que non lle gustou o resultado da votación nunha moción sobre a protección do lobo, non tivo reparo en dicir que non valía e mandou votar de novo.

Contencioso temos, polo tanto. Un contencioso apoiado en argumentos tan imaxinativos, disparatados e alleos á realidade como que “se o xuíz o admite a trámite, seguro que gañamos”, ou que “ademais non nos vai custar cartos porque temos aos servizos xurídicos da Deputación”; curioso apunte este último, que parece feito dende o convencemento de que quen fai ese traballo non cobrara dos cartos de todos. E o máis indignante é que din: “Se non imos ao contencioso, que lle dicimos aos veciños”. É para analizar. Por unha banda, pensan que os veciños comulgan con rodas de muíño, e nada máis lonxe da realidade; por outra, faise inevitable a pregunta de por que motivo ningún outro grupo da oposición dá un paso adiante para criticar tan mala xestión do goberno municipal. Será porque, no fondo, son cómplices do desgoberno, ou por que é máis fácil botarlle a culpa a Xunta, que ben pode con todo.

Non hai escusa: a tramitación desta subvención é a mesma dende hai 12 anos. Parece que non dan aprendido. Só nos queda esperar que no próximo ano non cometan o mesmo erro e os meus veciños de Xunqueira-Magazos poidan disfrutar dunhas beirarrúas como merecen.

Óscar Rodríguez
Portavoz do PP en Viveiro

Exit mobile version