Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de solicitude de subvencións por concorrencia para eventos deportivos celebrados neste ano en Ribadeo

Ribadeo, 22 de novembro de 2021. O Concello de Ribadeo ten aberto ata o 1 de decembro o prazo de solicitude de subvencións por concorrencia para eventos deportivos celebrados neste ano, cun importe de 5.000 euros. Anunciouno hoxe, luns, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, quen ademais fai un balance positivo deste 2021 tanto no ámbito deportivo como no terreo das axudas económicas destinadas aos clubs.
“Desde a Concellaría de Deportes de Ribadeo facemos un balance do 2021 moi positivo, non só no ámbito deportivo, tendo en conta as circunstancias pandémicas, senón tamén no terreo das axudas económicas, é dicir das subvencións. Quero aclarar que se ingresou aos clubs deportivos unha suma moi notable, que proviña de exercicios anteriores, que por diversos desaxustes administrativos se foron retrasando pero non esquecendo; de feito hoxe estamos ao día. Sumando todas estas cantidades, tanto as que estaban pendentes como as axudas nominativas deste ano 2021, é unha contía total de 78.698 euros”, manifestou Jorge Díaz.

O edil de Deportes ribadense engadiu: “acábase de publicar no BOP a convocatoria das subvencións por concorrencia 2021 e hai 15 días naturais para presentar as solicitudes dende o día seguinte da súa publicación, que foi o 16 deste mes; polo tanto o prazo finaliza o día 1 de decembro. O importe desta bolsa de aportación económica, enfocada a eventos deportivos que se celebraron ao longo deste ano como torneos e outras actividades deportivas do 2021, é de 5.000 euros”.

Por todo isto Jorge Díaz comentou que “este balance parécenos notablemente favorable para fornecer economicamente a estrutura deportiva do noso concello e para seguir apostando polo deporte base en Ribadeo. Esta é unha columna vertebral formada por clubs máis as instalacións e o aporte económico do Concello, máis alá doutras achegas que reciban as entidades deportivas doutras institucións, que son benvidas, por suposto”.

Exit mobile version