Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicadas as obras de mellora da Escola Municipal de Covelas, en Ribadeo

Ribadeo, 3 de novembro de 2021. O Concello adxudicoulle as obras de mellora da Escola Municipal de Covelas á empresa Construcciones López Tella. O investimento ascende a 46.600 euros. Os traballos, que xa deron comezo, foron supervisados polo alcalde, Fernando Suárez, e polos concelleiros de Obras e Medio Rural, Mónica Freire e Marcos Villamil.

O edil ribadense contou que “hai uns días que adxudicamos as obras de mellora da Escola municipal de Covelas. Fixemos para iso un procedemento aberto onde a mellor oferta foi a de Construcciones López Tella. Desde aquela estamos a traballar intensamente para cumprir este proxecto de 46.600 euros que contemplaba todas as suxestións feitas pola asociación de veciños no seu momento: cambio da carpintería de exteriores para mellorar o illamento térmico, sanear e recuperar as cornixas do edificio, dotación dun novo pavimento antiesvaradizo no perímetro exterior da Escola, melloras no apartado de electricidade e iluminación, pintura exterior e interior así como a dotación de mobiliario”.

Marcos Villamil engadiu: “esperemos que dentro de pouco tempo esta vella Escola luza como se fose unha nova para seguir planificando actuacións de índole educativa, cultural, de lecer, etc. para todos os veciños e veciñas da parroquia, e para ir logrando que a cidadanía se volva ver e volva recuperar o contacto que todos perdemos durante a pandemia”.

Exit mobile version