Site icon Crónica3.com A Mariña

“Chegou o AVE, chegou unha gaivota rosa!”, por Adrián Piñón

Da o mesmo quen goberne en Madrid, sexan os da gaivota, sexan os da rosa, xa que o importante é saír en todos os medios de comunicación de Galicia. E tamén nos de España, con outra posta en escena do primeiro AVE na cidade de Ourense, unha infraestrutura que achegará esta cidade a Madrid en tan só dúas horas e cuarto. Neses mesmos momentos que o tren ía recollendo presidentes autonómicos polo recorrido da liña, coa ministra de quenda desfrutando da viaxe en primeira clase, no Congreso dos Deputados estaban a negociarse uns orzamentos do Estado que mantiñan outros tempos de viaxe nas dúas horas e cuarto que tarda en facer o percorrido o novo tren.

Dúas horas e cuarto, é o tempo que o tren de vía estreita, que debería vertebrar como liña de cercanías a costa norte de Galicia, tarda en chegar de Ferrol a Xove, tarda o mesmo tempo pero a distancia é infinitamente inferior. Xove, concello no que está parte do complexo industrial de Alcoa, que ata non fai moito tempo utilizaba esa liña para transportar parte do aluminio que produce para o País Vasco pero que agora transporta en camións, ao igual que o transporte de madeira, que tamén se fai integramente por estrada, desaproveitando unha infraestrutura que esmorece por falta de mantemento e por non darlle o potencial que ten, a vez que á A8 se enche de fochancas. Iso, cando se pode utilizar a causa as mentes brillantes que decidiron levala polas nubes -literalmente-.

Ao igual que outras liñas convencionais de Galicia, e tamén do resto do estado que están abandonadas por completo, existen dúas diferenzas substanciais entre estas, e a nova liña do AVE, a primeira é a cantidade de diñeiro invertida en cada un dos tipos de liña. A segunda, é o servizo que lle prestan aos cidadáns, xa que as liñas convencionais, coma a do FEVE da costa norte galega, teñen o potencial para servir á poboación en xeral, no día a día, mellorando a calidade de vida dos pobos e contribuíndo a sacar vehículos todos os días das estradas para mellorar o medio ambiente, todo isto en liñas xa construídas que só necesitan uso e unhas melloras moito máis económicas que as multimillonarias obras do AVE.

Adrián Piñón Domínguez.
Secretario do Foro Económico de Galicia.

Exit mobile version