Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica á alcaldía por non cumplir ningún dos acordos para revitalizar o casco de Viveiro

Viveiro, 4 de novembro, 2021. Tras a insistencia da concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, para sacar adiante a ordenanza de protección contra a contaminación acústica en Viveiro, a alcaldesa María Loureiro, optou por culpar á pandemia pola súa falta de implicación para a creación da ordenanza. Ordenanza aprobada en 2019, sen pandemia, e con teletraballo no Concello, durante a mesma.

A alcaldía do PSOE tampouco contestou ás preguntas formuladas polo BNG e que xa leva anos demandando a Asociación veciñal do Casco Histórico de Viveiro. Unha mostra máis de ocultación de datos por parte da alcaldía, poñendo trabas para o acceso a información necesaria para poder atallar os problemas de habitabilidade e convivencia en Viveiro.

Míriam Bermúdez afirma que teñen certo interés en ocultar información e datos, con respostas nas que alardean de negar información á veciñanza con frases como “nós contestaremos o que consideremos” como ben dixo a alcaldesa María Loureiro, ou “”non lle vou dicir nada” por parte do tenente da alcaldesa, Suso Fernández. A ocultación de datos constante fai sospeitar moito, seguramente por estar o traballo sen facer ou mal feito, como xa ocorreu co caso do matadoiro, coa residencia de Aspanane sen ningún tipo de avance ou mesmo co despedimento dunha traballadora municipal, por mencionar algúns casos recentes.

“Polo momento a alcaldía do PSOE non cumpliu ningún dos acordos da moción para revitalizar o casco, polo que queda patente a falta de compromiso para impulsar o drástico cambio que precisa o casco histórico de Viveiro. Non se pode permitir que o Goberno Municipal non desenvolvese ningunha política para acadar melloras na habitabilidade do casco”, recalcou Míriam Bermúdez.

Exit mobile version