Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide á Xunta unha protección real da ría de Foz

Foz, 4 de novembro, 2021. A Ría de Foz é un esteiro que na teoría está protexida por dúas figuras de protección no marco da Rede Natura 2000 da Unión Europea: Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Ría de Foz e Zona de Especial Conservación (ZEC) Ría de Foz-Masma. A carencia total de xestión deste espazo protexido por parte das autoridades ambientais da Xunta de Galiza amosa que a protección está unicamente nos papeis e en cambio o desinterese é absoluto na conservación real dos hábitats e aves do país segundo obrigan as nosas leis. Están em perigo os valores principais polos que foi declarado ZEPA son o número de invernantes de mazarico real (Numenius arquata) e mazarico rubio (Limosa lapponica). Ademais, moitas outras especies de aves acuáticas migradoras utilizan a ría, en concreto as áreas intermareais para alimentarse e repousar. Un momento especialmente delicado para as aves limícolas migrantes e invernantes na ría é a preamar por que teñen moi pouca superficie axeitada para que as aves poidan descansar adecuadamente durante este período.

As organizacións medioambientais Sociedade Galega de Ornitoloxía, SEO e a Sociedade Galega de Historia Natural realizaron un detallado estudo no que constataron o desleixo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural na vixilancia e cumprimento das normativas ambientais na ZEPA e ZEC da Ría de Foz, quedando acreditada a ausencia de supervisión em actividades non autorizadas que fan concluir que as molestias observadas dentro da ZEPA da ría de Foz son inasumibles dende o punto de vista ambiental e de xestión para un espazo que conta cunha protección a nivel europeo.

Por iso o BNG de Foz propón que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galiza elabore un ordenamento específico que dé a protección precisa ao espazo natural.

Exit mobile version