“Os concellos somos unha rede de apoio esencial para os coidadores/as así como para quen precisa coidados. Por iso, debemos continuar enfoncado os nosos recursos na axuda social, máis se cabe nesta etapa tras a pandemia, que agravou a situación de moitas familias”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Neste sentido, o Concello de Viveiro destina este ano 1’88 millóns de euros dos seus orzamentos a Servizos Sociais. Dentro desta partida, 1’77 millóns de euros destínanse ao Servizo de Atención no Fogar (SAF), incluíndo tanto o servizo de libre concorrencia como o de dependencia.
Alén do Servizo de Axuda no Fogar, o Concello de Viveiro, a través do departamento de Servizos Sociais, ten postos en marcha diferentes programas de atención ás persoas maiores. Entre eles, destaca o programa de Xantar na Casa, que facilita unha alimentación saudable e equilibrada a aquelas colectivos de persoas maiores e persoas en situación de dependencia, mellorando a súa calidade de vida e a autonomía dos seus usuarios/as.
Doutra banda, o Concello de Viveiro tamén artella o servizo de Teleasistencia Domiciliaria, a través da Dependencia da Xunta de Galicia ou a través da Deputación de Lugo, sendo neste último caso un servizo gratuíto. Este é un servizo, dirixido a persoas maiores que viven soas, que lles permite pedir axuda en caso de urxencia, dende o propio domicilio. Este servizo é unha prestación que garante atención as 24 horas do día e os 365 días do ano, favorecendo a permanencia e a integración no entorno familiar e social das persoas usuarias do mesmo.
Por último, o goberno local recorda a importancia de “Voluntariado Social”, un programa de acompañamento social para todas aquelas persoas que necesiten nun momento dado que se lles acompañe para realizar unha xestión ou a citas médicas cando carezan dunha rede de apoio social.
Dende o Concello de Viveiro aprovéitase esta data para agradecer o traballo de Cruz Vermella e de AFA (Asociación de Familiares de enfermos de Alzhéimer de Viveiro). A súa dedicación permite que os coidadores e coidadoras poidan ter tempo de desconexión e de goce para si mesmos.