Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista salienta que os orzamentos da Deputación están “pensados para as persoas e para a recuperación económica da provincia”

Santiago de Compostela, 04 de novembro de 2021. A parlamentaria socialista Patricia Otero sinalou que os Orzamentos da Deputación de Lugo para o próximo ano están “pensados para as persoas e para a recuperación económica da provincia”. Otero interveu na comparecencia do presidente do ente provincial, José Tomé, para presentar os orzamentos para o próximo ano, hoxe no Parlamento.

A responsable socialista sinalou que o goberno provincial “ten que cumprir o papel de apoiar aos concellos desatendidos pola Xunta”, logo de que Feijóo se demostrara “máis preocupado de confrontar co goberno central que de axudar ás administracións locais”. Sinalou que “agora distribúense os fondos con criterios obxectivos” a través do Plan Único da Deputación e grazas a un presidente socialista que desterrou a práctica de “pedir e rogar á que nos tiña afeitos o PP”.

Sinalou que fronte a un goberno autonómico preocupado unicamente de “botar balóns fora e de culpar ao goberno central”, o Executivo provincial mantén as “fiestras abertas” para “permitir que entre aire fresco” asumindo un papel “fundamental para achegarlle os servizos públicos aos veciños e veciñas da provincia, sobre todo no rural e nos concellos pequenos da provincia”.

Otero salientou o “esforzo económico tremendo” da deputación e os concellos para “poñer enriba da mesa tódalas medidas precisas sen deixar a ninguén atrás”, un esforzo que, dixo, “non tivo retorno por parte da Xunta de Galicia”.

Apuntou ao papel fundamental do ente provincial para garantir as políticas sociais “tan necesarias nestes intres” ás que está a renunciar a Xunta, sinaladamente na súa aposta polas residencias de maiores. Mentres a Xunta “esquece as súas competencias”, e apostan por macroresidencias que “non funcionaron tan ben como as da Deputación, agora queren copiar o modelo” do ente presidido por Tomé, logo de 12 anos nos que fixeron “0 prazas públicas” nas residencias.

Política Industrial

Patricia Otero acusou ao goberno galego de “esquecer a política industrial na nosa provincia”, cando “non foron quen de facer nada” na comarca da Mariña, máis alá de “tapar a súa inoperancia no apoio aos traballadores de Vestas botando balóns fora”. Aludiu así ás críticas do goberno galego, que onte decidiu suspender a Mesa industrial denunciando unha suposta ausencia do Ministerio que era irreal por canto “había 3 cargos do Ministerio para sentarse nesa mesa”.

Afeoulle ao PP e ao goberno galego que teñan rexeitado o plan de industrialización proposto polos socialistas galegos para a provincia de Lugo, mentres “deixan sen executar cartos” dos orzamentos autonómicos. Cualificou de “incrible” que lle reclamen á Deputación que apoie ao sector marítimo mentres miran para outro lado cando a Consellería do Mar ten as dúas partidas máis importantes cun nivel de execución do 3,6 e do 9,6 por cento.

Exit mobile version