Castiñeira declara: “De novo vólvese abusar das asignacións temporais de funcións (ATF), que deberan ser casos moi concretos; novamente se abusa disto para nomear xefes de servizo a traballadores que entendemos que nalgún caso non lles corresponde, porque os principais méritos que parecen ter é ser compañeiros ou ex compañeiros do señor Tomé no Parlamento de Galicia ou ter sido cargo socialista nalgún momento”.
Explica o portavoz popular que “a este agravio están sometidos os ex traballadores de Suplusa dedicados ao mantemento das zonas verdes, que pasaron, en contra da súa vontade, a formar parte do cadro de persoal de Tragsa, mentres outros compañeiros en Suplusa se incorporaron directamente á Deputación de Lugo. Non se avanzou nada en corrixir esa situación”. Engade: “Neste caso o BNG incumpre as promesas de solucionar este problema canto antes. O peor é o día a día, porque se están incumprindo acordos da propia subrogación en Tragsa, acordos que afectan aos dereitos laborais deses 21 traballadores . Nin Tragsa é capaz de cumprilos nin o goberno da Deputación ten interese en velar para que se cumpran eses dereitos”.
Os populares piden “ao señor Tomé moito máis rigor e que mire polos traballadores máis desfavorecidos”. Conclúen que “a política do goberno provincial é unha política caciquil en moitos casos, que non debería admitirse”.