Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide maior compromiso orzamentario da Deputación para o sector pesqueiro

Lugo, 02 de novembro de 2021. O proxecto de orzamento da Deputación para o 2022 é aínda unha incógnita, porque o goberno provincial non respondeu ao ofrecemento do PP para colaborar na elaboración das grandes contas para o próximo exercicio. Pero, á vista do orzamento para o ano que remata, no PP temen que o sector pesqueira sexa marxinado de novo. O grupo popular demanda “nos orzamentos para o 2022 se dea moito máis apoio ao sector pesqueiro, con campañas de diferentes tipos e sobre todo con partidas concretas para este sector, que é fundamental e transcendental na nosa provincia”.

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Dende que socialistas e nacionalistas gobernan na Deputación de Lugo o sector da pesca é un dos grandes prexudicados nas contas provinciais. Dicimos isto porque estamos a pouco de coñecer as grandes contas provinciais para o 2022 e esta Deputación, no 2021 as aportacións máis significativas foron 18.000 euros para a Federación de Confrarías de Pescadores e 10.000 para Expomar-Produart, algo que é mínimo, tendo en conta que os orzamentos da Deputación totalizan 93 millóns de euros”.

Castiñeira tamén indica: “Noutras Deputacións, como as de Pontevedra e A Coruña, a aposta polo sector do mar e moito maior. O sector da mar na nosa provincia factura máis de 100 millóns de euros en venta directa, o que se transforma en 500 millóns en toda a cadea mar-industria lucense e crea máis de 1.500 postos de traballo directos. Para todo iso a Deputación só destina 18.000 euros”.

Na mesma liña, o portavoz popular di: “Entendemos que a falta de apoio orzamentario pola Deputación é unha falta de respecto a este sector empresarial tan importante e característico da nosa provincia”. Unha posición que “se une ao agravio e aos ataques que ao sector pesqueiro está a facer tamén o Goberno central; a última é a posibilidade de suprimir as bonificacións ao gasóleo do sector pesqueiro, que sería a gota que colmaría o vaso”. Castiñeira di tamén: “As políticas nacionalistas e socialistas van en contra do sector pesqueiro e, fronte a isto está a política que está a levar a consellería de Pesca da Xunta”. Neste sentido, Castiñeira destaca que “o orzamento da Consellería do Mar para 2022 é o máis alto da última década, acumula un incremento do 50% en cinco anos e roza os 200 millóns de euros”. Indica que a Xunta “ten o claro obxectivo de pasar da reactivación económica trala pandemia á recuperación impulsando un crecemento san do complexo mar-industria galego”.

Exit mobile version