Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG demanda clarificar o mapa dos xeodestinos turísticos da provincia e recursos económicos para impulsalos

Lugo, 28 de Novembro de 2021. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o martes, unha iniciativa coa que demanda ao Goberno de Feijóo que clarifique a situación real do mapa actual de xeodestinos da provincia, e que o faga a través dun proceso de diálogo cos concellos e as deputacións.

“Presentamos esta proposta tras comprobar o espectáculo grotesco de contradición e dobre criterio entorno a esta nomenclatura por parte da administración autonómica. A día de hoxe, a Xunta firma convenios con xeodestinos que Turismo de Galicia non recoñece na súa propia web. En tempos da sociedade da información, presentar unha cousa nos medios e outra distinta na web oficial é un sen sentido que mide o fracaso dunha política turística que non acaba de ter outras ideas que esperar polo calendario a ver cando toca Ano Santo”, advirten os socialistas.

A través desta iniciativa, o PSdeG reclama “que o mapa resultante dese proceso adquira un carácter oficial, co seu debate no Parlamento e a súa publicación no DOG, como paso previo á actualización da información oficial na web de Turismo de Galicia”. Ademais, pide que “se desenvolva o marco normativo para definir con claridade o proceso de creación dos xeodestinos, así como os seus órganos xestores, funcións, competencias e os mecanismos de modificación do mapa”.

O PSdeG solicita tamén que “a Xunta habilite unha liña específica de financiamento para os xeodestinos galegos, con fondos repartidos con criterios obxectivos, coa finalidade de que se garanta unha achega económica que permita ós concellos que os conforman desenvolver unha actividade planificada é continuada no tempo”.

Polo que respecta á provincia de Lugo, a Xunta empregou indistintamente o termo xeodestino e subxeodestino (que non existe na lei de Turismo) para falar do Courel, nos convenios firmados co GDR Ribeira Sacra-Courel (por exemplo no do 23 de setembro de 2020). Ó día seguinte de firmar un convenio co xeodestino Courel, a Xunta asinaba outro para a reactivación do turismo no xeodestino Ancares-Courel.

Confusión da Xunta
Así as cousas, sinalan que “a confusión xerada pola Xunta en torno ó concepto de xeodestino réstalle eficacia a esta figura á hora de converterse no instrumento impulsor do turismo que recolle a Lei 7/2011. Algo que resulta especialmente grave neste momento no que o sector turístico precisa claridade e políticas de estímulo”.

A Xunta, que ten as competencias en Turismo, “non ten desenvolvido o marco legal dos xeodestinos. Non se sabe se por incapacidade ou polo desexo de non achegarlles aos concellos fondos para desenvolver apostas conxuntas de turismo local”.

Exit mobile version