Site icon Crónica3.com A Mariña

Óscar Rodríguez: “Os meus obxectivos para o PP de Viveiro son incrementar a afiliación, reforzar a unidade e avanzar na participación para recuperar a alcaldía”

Viveiro, 05 de novembro de 2021. O Partido Popular de Viveiro celebrará na tarde de mañá o seu congreso local, ao que só se presenta un aspirante á presidencia: Óscar Rodríguez, portavoz popular no Concello. Rodríguez avanza algunhas grandes liñas e principios nos que se apoia o seu proxecto para o PP local, que ten entre os seus principais obxectivos o de recuperar o goberno municipal e facer de Viveiro a cidade moderna, acolledora e emprendedora que queren todos os veciños.

Rodríguez di que, en clave interna, os seus obxectivos poden resumirse en dous. Por un lado, traballar para consolidar un proxecto amplamente participativo, de unión, no que todos os afiliados sumen. Por outra parte, incrementar de maneira significativa a afiliación ao partido no municipio, con especial atención aos novos. “É algo no que xa viñemos traballando con intensidade practicamente desde que nos incorporamos á vida municipal e que queremos seguir facendo, sen présas pero sen pausas”. E este -asegura Rodríguez- un traballo de todo o equipo co que traballa, ao que agradece o seu esforzo e a vontade de continua superación.

Óscar Rodríguez di que outra fronte do seu traballo estará dirixida a mellorar a comunicación do PP en Viveiro tanto cos propios afiliados como co resto dos cidadáns. Sinala: “Temos que ser capaces de que os veciños de Viveiro teñan claro que o PP é a única alternativa para que o municipio saía do estancamento no que se atopa, debido á pésima xestión da alcaldesa e do seu equipo”.

O único candidato á presidencia do PP de Viveiro explica que fortalecer aínda máis o partido no ámbito local é fundamental para recuperar a alcaldía nas próximas eleccións locais. Declara: “Somos capaces de dar a Viveiro o que o municipio no seu conxunto e a cidade, en particular, precisan”. Fronte ao que considera unha xestión desastrosa do goberno municipal, Rodríguez pon como exemplo de eficacia á Xunta de Galicia. Rodríguez sinala: “Eu creo que a estas alturas ninguén en Viveiro dubida de que aos investimentos realmente transcendentes efectuados e previstos neste municipio corresponden á Xunta”. Engade: “Con toda humildade, pero con firmeza, expreso o meu compromiso de traballar arreo para fortalecer o Partido Popular de Viveiro para convertelo na ferramenta imprescindible para dar a este municipio o que precisa e demanda e que o actual goberno local é incapaz de atender”.

Exit mobile version