Site icon Crónica3.com A Mariña

Pensionistas de CCOO convocan novas concentracións en defensa da atención primaria

Compostela, 8 de novembro, 2021. A Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia (FPX-CCOO) convoca novas concentracións en defensa dunha atención primaria de calidade e accesible ás persoas maiores, na liña dos actos de protesta que o sindicato protagonizou a finais de outubro.

Reclaman a reversión dos recortes que lastraron durante os últimos anos «a principal porta de acceso á sanidade pública» e esixen medidas para que sexa máis accesible para as persoas maiores, «que non sempre teñen medios ou capacidades para as xestións telemáticas».

Entre outras medidas, a FPX-CCOO pide o aumento do orzamento destinado á sanidade pública, paralizar o peche de centros e a reapertura dos que foron pechados, recuperar a accesibilidade e a atención presencial, restablecer a capacidade dos centros de saúde (respectando os protocolos covid) ou reforzar a atención primaria con novas categorías profesionais para descargar a medicina de familia.

No marco desta nova xeira de concentracións xa houbo unha protesta o pasado xoves, día 4, en Vigo. Para a semana que vén están previstas concentracións os días 8 e 9 de novembro noutras cidades e vilas galegas, conforme o calendario que se indica a seguir:

Luns, 8 de novembro

— Ourense. Concentración ás 11 h diante da Delegación Territorial da Xunta de Galicia (‘Casa de Chocolate’, avda. da Habana, 79)

— A Coruña. Concentración ás 12 h diante da Xefatura Territorial da Consellaría de Sanidade (rúa de Durán Loriga, 3)

— Ferrol. Concentración ás 12 h diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia (praza de Amada García)

— Santiago de Compostela. Concentración ás 12 h diante da Consellaría de Sanidade (San Lázaro)

— A Mariña (Celeiro). Concentración ás 12 h diante da Xefatura Territorial da Consellaría do Mar

Martes, 9 de novembro

— Vilagarcía de Arousa. Concentración ás 11 h na praza de Galicia e entrega dun documento no rexistro municipal.

— Pontevedra. Concentración ás 12 h diante do Hospital Provincial (rúa do Doutor Loureiro Crespo)

— Monforte de Lemos. Concentración ás 12 h diante do centro de saúde (rúa Doutor Casares)

Exit mobile version