Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma Eólicos Na Mariña Así Non chama á mobilización da veciñanza contra o Polígono Eólico Fonte Barreiros

A Mariña, 21 de decembro, 2021. O pasado 25 de novembro publicábase no BOE a corrección de erros do anuncio do trámite de información pública do Parque Eólico Fonte Barreiros, en Barreiros e Ribadeo. O prazo para presentar alegacións ó mesmo remata o 12 de xaneiro. Na presente nota, desde a Plataforma Eólicos na Mariña, Así Non, queremos trasladar á veciñanza mariñá as razóns da nosa oposición a esta infraestrutura, ó tempo que ofertar un modelo de alegación a quen quera amosar con nós a súa disconformidade co fondo da cuestión e co xeito no que se está a levar a cabo coa complicidade de todas as administracións.

Sinalar ante todo que vemos a enerxía eólica, tan abondosa na Mariña, como un sector chave para o noso futuro, e precisamente por iso entendemos que cómpre facer un estudo e un debate aberto para que o seu aproveitamento beneficie a quen vive na comarca e en primeiro lugar ás parroquias do rural, deixando nelas incentivos económicos a familias e granxas e minimizando os impactos sobre a súa calidade de vida, os solos e as augas. Dese xeito esta riqueza da eólica traballará contra o despoboamento rural.

Porén, no modelo proposto -incompatible co anterior, pois supón unha reserva do dereito ó aproveitamento eólico pola empresa- os dazaseis aeroxeradores do parque eólico Fonte Barreiros, cun orzamento de 80 millóns de euros, cos prezos actuais da enerxía poden dar uns ingresos anuais -segundo as contas de Green Capital Development SL- duns 50 millóns. Desa cantidade pagarían ás propietarias dos terreos unha cantidade de 12.500€ por aeroxerador -200.000€ en total- e outro tanto a repartir entre os concellos de Ribadeo e Barreiros a través do Plan de Compensación Ambiental.

Cómpre sinalar que estatísticamente eses 12.500€ se repartirán entre unha media de 5 propietarias, que terán que asumir limitacións no aproveitamento forestal e, a maiores, pasarán a pagar IBI industrial e terán que facer a declaración de IVE trimestral, gastos que globalmente levarán a meirande parte deses ingresos (cando non máis, se a superficie afectada fora pequena).

Falamos polo tanto que ó redor dun 0,5% dos ingresos derivados do aproveitamento do noso vento quedarán na comarca, que en troques quedará hipotecada paisaxísticamente cos 16 aeroxeradores de 220 metros (coma torres de 70 pisos nos cumios dos montes), afectada nos seus regos -mesmo na traída de auga de Ribadeo-, cun incremento no risco de lumes e unha afección a vivendas das parroquias que resulta indignante que se permita cando xa a propia Xunta ten recoñecido que “no futuro” non se poderán poñer estes aeroxeradores a menos de 1000 metros das vivendas.

O Estudo de Impacto ambiental presentado resulta dunha levidade insultante, cun inventario moi superficial dos valores, estimando os efectos case todos insignificantes e deixando para cando xa estea todo feito unha avaliación ex-post que nada poderá amañar. A maiores, nin comenta aspectos tan determinantes como a afección xa mencionada á traída do Lexoso, nin a presenza do Camiño de Santiago, nin o feito de que os aeroxeradores van rodear o centro reemisor da TDT do Mondigo que dá sinal a 30.000 persoas da comarca, causando interferencias con toda probabilidade.

Desde a Plataforma Eólicos na Mariña Así Non chamamos á veciñanza, ante todo, a informarse (pola nosa parte estamos abertas a presentar os datos que dispomos ás parroquias e asociacións:
solicitudes a eolicosnamarinha.asinon@gmail.com), a esixir ós Concellos afectados que sexan proactivos e difunda a información que dispoñen, a presentar alegacións nos rexistros dos Concellos (poden pedirnos un modelo no noso email) e amosar o seu apoio a outro modelo de desenvolvemento eólico para a Mariña, que esixa creación de emprego local, que reparta o beneficio na comarca, e idealmente que estea pensado, deseñado e promovido polas comunidades e
administracións locais. Cómpre loitar hoxe para gañar ese futuro.

Exit mobile version