Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega produtos agroalimentarios galegos ao colexio de Riotorto para elaborar menús de nadal

Riotorto, 17 de decembro de 2021. A Consellería do Medio Rural achegou produtos agroalimentarios galegos aos colexios de Riotorto e O Páramo para elaborar os seus menús de Nadal, unha iniciativa que se enmarca na rede Mercaproximidade e se leva a cabo estes días en oito centros da comunidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse hoxe ata o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Plurilingüe de Riotorto, onde os 34 alumnos e alumnas que utilizan o servizo do comedor puideron degustar hoxe un menú a base de fabas, tenreira, patacas, queixos, iogures e mel. Na xornada de onte o CEIP Plurilingüe do Páramo ofreceu aos 50 alumnos e alumnas do comedor un menú similar, neste caso con carne de cordeiro.

Todos os produtos destacan pola súa calidade, ao acollerse a distintivos como as indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega, Mel de Galicia e Faba de Lourenzá ou a denominación de orixe protexida Queixo Tetilla.

Estas xornadas están promovidas en colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e perseguen un dobre obxectivo; por unha banda, apoiar aos pequenos e medianos produtores galegos, e por outra, promover unha alimentación infantil saudable.

Os propios centros elixiron os produtos alimentarios de entre a oferta de Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada pola Xunta ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do sector primario galego atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

En total, a Xunta repartiu nos centros escolares máis de 600 quilos de produtos agroalimentarios destinados a preto de 1.650 rapaces e rapazas. En concreto, distribuíu 348 kg de patacas, 81 kg de fabas, 85 kg de carne de tenreira, 600 hamburguesas e 93 quilos de carne de porco celta e 40 kg de carne de cordeiro. Tamén 1.210 iogures, 52 queixos e unha decena de quilos de mel.

“Come local”
Os xantares de Nadal nos colexios ao abeiro de Mercaproximidade teñen lugar unha vez clausurada a II edición da campaña “Come local”, que promoveu -tamén no marco desta rede- o consumo de menús especiais elaborados con producións acollidas a indicacións xeográficas e denominacións de orixe protexidas nunha vintena de comedores escolares da nosa comunidade.

Cabe lembrar que dende o comezo da emerxencia sanitaria pola covid-19, a Xunta tamén doou produtos como patacas, queixos, mel, carne de tenreira, de porco celta ou de cordeiro a bancos de alimentos ou cociñas económicas, para atender os colectivos máis desfavorecidos. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

Exit mobile version