Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia un ano máis a campaña do sector pesqueiro de Burela para servir pescada do pincho en residencias da Mariña polo nadal

Burela, 30 de decembro de 2021. A Xunta de Galicia apoia un ano máis a campaña impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo e Armadores de Burela (ABSA) para promocionar a pescada do pincho de Burela en residencias de maiores da Mariña, pola que serven 838 racións en catorce centros durante o Nadal.

Así o explicou hoxe en Burela o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, quen apuntou que se reparte pescada en residencias, apartamentos tutelados e vivendas comunitarias de Viveiro, Xove, Burela, O Valadouro, Mondoñedo, Ribadeo, A Pontenova, Cervo e Foz.

A pescada entrégase segundo a demandan desde cada centro, en pezas enteiras ou en toros, lombos ou en filetes. Os menús prepáranse en datas sinaladas como as ceas de Noiteboa ou Fin de Ano.

Arias salientou a contribución da Administración autonómica á promoción dos produtos do mar de extraordinaria calidade como a pescada do pincho que sae da lonxa de Burela, colaborando en accións coma esta que se desenvolve cada Nadal e noutras iniciativas como a campaña Orixe e Destino Galicia. Esta iniciativa, impulsada pola OPP de Lugo en cooperación con Paradores de Turismo de España, ten como finalidade difundir a calidade da pescada e do bonito capturados pola frota de Burela en dez paradores de localidades polas que transcorre o Camiño de Santiago.

Exit mobile version