Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz valora positivamente a licitación da nova Edar

Foz, 15 de decembro de 2021. O Concello de Foz valora positivamente a licitación da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Así o manifestou hoxe, mércores, o alcalde, Fran Cajoto, quen explicou que “agora comeza un período no que se presentarán as ofertas, despois vén a redacción do proxecto construtivo e máis tarde comezarán as obras”.

O rexedor municipal focense engadiu: “trasladeille á conselleira, igual que o fixen por escrito á directora de Augas de Galicia, que o Concello de Foz debe formar parte da redacción do proxecto construtivo, de revisalo, de estudalo con Augas de Galicia, de aportar para construír a mellor EDAR posible. Non nos vale calquera tecnoloxía nin calquera infraestrutura. O anteproxecto deixa moi aberta a solución que teñen que aportar as contratas privadas, que ademais son as que van executar a obra; e iso preocúpanos moito. O Concello segue a facer a súa parte: está co proceso de expropiación dos terreos, para o que pediremos á Xunta de Galicia que declare a urxencia e se poida construír esta nova EDAR sen máis dilación, porque temos un problema de depuración na ría de Foz, temos un problema de vertido de augas residuais a unha zona LIC e ZEPA que temos que solucionar. Espero esa colaboración entre administracións. Dinlle a benvida á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, porque no Concello de Foz sempre traballamos de forma respectuosa e conxunta con todas as administracións para aportar e para buscar as mellores solucións para as veciñas e os veciños do noso concello. Non agardamos menos da Xunta de Galicia porque é sempre o noso compromiso”.

Exit mobile version