Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo envía información do solo industrial a asociacións de empresarios e emprendedores

Mondoñedo, a 6 de decembro de 2021. O Concello de Mondoñedo envía información do solo industrial do municipio a asociacións de empresarios e emprendedores. Deste xeito, continúa poñendo en valor os seus recursos e dando prioridade as súas axudas á creación de emprego.

Trátase, segundo explican dende o goberno local, dunha nova iniciativa dirixida á captación de investimentos e de actividade: “é imprescindible para a dinamización da economía local”.

En materia de emprendemento e emprego, o Concello de Mondoñedo conta cun espazo coworking; lidera un programa integrado de emprego e continúa poñendo en valor o seu solo industrial co compromiso de apoio e de administración colaboradora como Concello Doing Business.

De feito, Mondoñedo foi distinguido como Concello Emprendedor pola Xunta e pola Fegamp no 2018 ao dar cumprimento ás condicións establecidas polas dúas entidades para fomentar a implantación e o asentamento de empresas en Galicia. Así, a entidade local contempla beneficios fiscais para as empresas que se comprometan coa creación de emprego. Concretamente, o Concello bonifica o Imposto de Bens Inmobles (IBI), Imposto de Actividades Económicas (IAE) e o Imposto sobre Construción, instalacións e obras (ICIO) ata un máximo do 95%, segundo o contemplado na ordenanza municipal.

No último pleno, o Concello aprobou por unanimidade apoiar que Biegal SL -que realiza a súa actividade nas instalación da antiga ECAR e, despois, Finsa- se beneficiara das condicións do Concello Doing Business.

Parque empresarial de Mondoñedo
O parque empresarial de Mondoñedo atópase ás aforas da cidade, capital da comarca da Mariña central, preto do enlace de conexión coa autovía do Cantábrico, a A-8. Na actualidade dispón dun total de 17 parcelas en venda dunha superficie de ata 2.000 metros cadrados. O Concello de Mondoñedo vende unha delas, mentres que o vendedor das restantes 16 é SEA.

A información sobre as parcelas ofertadas no Parque Empresarial de Mondoñedo atópase actualizada na páxina web de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA): http://www.seasuelo.com/parques-empresariales-y-parcelas/parque-empresarial-demondonedo/parcelas/.

O Concello segue demandando a SEA unha rebaixa no prezo do solo e mantén “o compromiso de axudar con medidas de apoio”. Así como nos anos 2018 e 2019 o Concello convocou axudas para rebaixar o prezo final de venta de parcelas, “o goberno local ten a vontade de continuar incentivando o asentamento de autónomos e empresas que pretenden establecerse no noso territorio, contribuíndo ao desenvolvemento industrial e socioeconómico do noso municipio”.

Exit mobile version