Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo realiza traballos de mellora, limpeza e peche perimetral de seguridade na antiga estación do tren mineiro

Ribadeo, 13 de decembro de 2021. O Concello realiza traballos de mellora, limpeza e peche perimetral de seguridade na antiga estación do tren mineiro, segundo deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor contou que “logo dun desbroce inicial polos arredores, estamos nestes días cunha nova actuación de limpeza e de mellora do ornato e da salubridade pública, así como tamén de garantir a seguridade destas construcións que, aínda sendo ben bonitas, levan unha chea de anos nun estado de auténtica ruína. E precisamente agora, ao ir despexando a zona, pois poden provocar un perigo se a xente entra dentro. Por todo isto estamos procedendo á colocación dun peche perimetral de seguridade no edificio principal, limpando a vexetación e adecentándoo todo na medida do posible”.

Suárez Barcia lembrou que “esta superficie foi anticipada ao Concello polos seus propietarios, de acordo co disposto no Polígono Urbanístico do Plan Xeral de Ordenación Municipal. E agora, mentres buscamos posibles financiamentos para rehabilitar e darlles un uso axeitados a estes inmobles, pois queremos asegurarnos de que non supoñen perigo algún, posto que nas inmediacións queremos habilitar un aparcamento provisional de vehículo”s.

O alcalde engadiu: “por outra banda, os técnicos están estudando as alegacións recibidas pola outra bolsa de solo contigua, logo de que leve decenios en estado e abandono. Recibimos varias xustificacións de propiedade que estamos a estudar. Así, para os terreos que quede acreditado a titularidade de alguén, pois seralle esixido un compromiso de coidado e de seguridade, salubridade e ornato públicos. E para todos aqueles terreos nos que non quede demostrada unha titularidade particular, iniciaremos o proceso de inmatriculación pública en favor do Concello de Ribadeo”.

Ata a antiga estación do tren mineiro se desprazaron a concelleira de Obras, Mónica Freire, e o alcalde, Fernando Suárez.

Exit mobile version