Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Ribadeo, un dos 3 do estado que participan no programa Euroscola do Parlamento Europeo

Ribadeo, 10 de decembro, 2021. Hoxe 10 de decembro, cando se cumpren 73 anos da promulgación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o noso centro participou nun evento que reuniu máis de 2000 alumnos e alumnas de 77 escolas de 22 países europeos nunha nova xornada do programa EUROSCOLA auspiciada polo Parlamento Europeo.
O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, no seu papel de ESCOLA EMBAIXADORA DO PARLAMENTO EUROPEO, foi un dos 3 centros españois elixidos para participar nesta xornada na que se preguntou aos adolescentes sobre a Transformación dixital do mundo e a súa visión desta era dixital. As súas aportacións e ideas poden seguirse na páxina youthideas.eu do parlamento Europeo.

Os temas de debate e a posterior proposta de ideas versaron sobre ciberseguridade e protección de datos, desinformación e fake news e o problema das adiccións dixitais.

A sesión abrangueu 2 horas e foi inaugurada polo presidente do Parlamento Europeo David María Sassoli. A segunda interveniente foi a Vicepresidenta Nicole Beer que, logo da súa presentación, respondeu as preguntas variadas que o alumnado facía a través da plataforma virtual e tamén a través dunha aplicación móbil posta a disposición dos centros polo Parlamento. A terceira parte do evento estivo coordinada por Markus Warasin, xefe de unidade da Dirección Xeral de Políticas Exteriores da Unión, que presentou as cuestións de debate e respondeu as preguntas realizadas desde as distintas escolas europeas. O peche da actividade realizouno Ciril Stokelj, da Dirección Xeral de Comunicación do Parlamento. O alumnado valorou sobre todo a gran participación e compromiso escolar entre tantos países, e tamén a proposta de cuestións de actualidade que deron a oportunidade á mocidade de aportar posibles solucións aos diferentes problemas que acompañan ás redes sociais e ao mundo dixital en xeral.

Este evento forma parte do programa de actividades formativas que o IES Ribadeo propón como ESCOLA EMBAIXADORA DO PARLAMENTO EUROPEO para o seu alumnado, e pronto terá continuación con temas relacionados coa participación cidadá e o medio ambiente. Agardamos que os valores de respecto, cooperación e preocupación polo mundo no que vivimos sirvan de acicate para avanzar na convivencia pacífica de todos os pobos.

Exit mobile version