Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno aproba o Plan Único 2022, que está dotado con 21,5M€ e simplifica aos concellos a xestión dos fondos

Lugo, 28 de decembro de 2021. O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante no Pleno ordinario celebrado este martes as bases do Plan Único do ano 2022, que está dotado con 21,5M€ e que simplifica aos concellos a xestión dos fondos ao eliminar trámites administrativos intermedios. A proposta foi aprobada cos votos a favor dos grupos do PSdeG e do BNG, e coa abstención do Partido Popular.

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, subliñou a importancia de dar este paso no ano anterior ao período de vixencia do plan porque así as entidades locais “poden planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, co que aproveitan mellor os recursos económicos”.

José Tomé destacou así mesmo que dende o inicio do mandato “incrementamos a dotación económica do Plan Único de 21 a 21,5M€”, a ferramenta “máis importante que ten a Deputación para a colaboración cos concellos” e, ademais, “cada ano melloramos as condicións para que sexa máis útil”, subliñou o Presidente, destacando neste sentido que no 2022, como novidade, os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios.

Pola súa banda, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, incidiu en que este programa “forma parte do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos. Cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”.

Neste sentido, García Porto afirmou que a simplificación dos trámites administrativos, coa supresión de prazos intermedios, que se aplicará no 2022, “algo moi importante sobre todo para os concellos máis pequenos, que teñen menos recursos humanos e técnicos”, súmase a outras melloras implantadas nos últimos anos, “como o incremento do Plan Único ata acadar os 21,5M€, que mantemos este ano, a apertura dunha liña para que os concellos poidan ofrecer apoio á hostalería, ao turismo e ao comercio, dos sectores máis afectados pola pandemia, ou a posibilidade de imputar gastos con cargo a estes fondos dende principios de ano”.

O Goberno da Deputación prevé que a principios de xaneiro xa se poida abrir o prazo para que os concellos presenten os proxectos que queren desenvolver cos fondos do Plan Único, ao aprobarse as bases esta semana.

Reparto por criterios obxectivos
No Plan Único do 2022, a Deputación mantén a distribución con criterios públicos e obxectivos dos fondos públicos entre os 67 concellos da provincia, “algo que botamos en falta doutras administracións e que redunda na cohesión social e no equilibrio territorial, e, polo tanto, no beneficio da provincia”, asegurou a Deputada.

A poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística, son os criterios de reparto que se aplican. Ademais, fíxase unha contía máxima de 500.000 e mínima de 200.000€, coa que se blinda o financiamento do concellos máis pequenos.

Distribución dos fondos por concello

Un Plan Único da Xunta
No Pleno deste martes saíu adiante tamén, cos votos a favor do PSdeG e o BNG e en contra do PP, unha proposta do Goberno para reclamar á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan Único para concellos e deputacións.

A voceira socialista destacou que esta proposta vén a recoller a petición que “o Presidente da Deputación formulou en novembro no Parlamento de Galicia e recolle as reclamacións formuladas pola FEGAMP e a FEMP pedindo un financiamento suficiente baseado en criterios obxectivos”.

O Goberno da Deputación, dende o inicio do mandato, inxectou 64M€ nos concellos da provincia, un investimento co que acometeron en total unhas 1.000 obras e subministracións e contrataron a máis de 900 persoas, lembrou a Deputada, asegurando que, pola súa banda, “con datos de 2015, un da cada cinco concellos galegos dedicou máis do 20% do seu orzamento a facer fronte a gastos impropios. Ese ano, os municipios galegos gastaron nese sentido uns 242M€. Pola contra, o Fondo de Cooperación Municipal da Xunta era duns 113M€”.

“O desprezo da Xunta ós concellos púxose de manifesto con toda a crueza durante a pandemia. 1.800 millóns de fondos extra percibidos do Estado e da UE. Nin un euro transferido ós concellos, aos que, ademais, se lles pediu que asumiran o custo das desinfeccións ou mesmo que estableceran controis perimetrais de corentena”, apuntou García Porto.

Por iso, a proposta do Goberno, o Pleno aprobou instar á Xunta de Galicia a aprobar un Plan Único para concellos e deputacións elaborado de acordo con criterios obxectivos similares aos empregados na institución provincial lucense; garantir que o devandito Plan Único iguale, polo menos, a porcentaxe orzamentaria que a Deputación de Lugo dedica á cooperación cos concellos, que supón un 20% do total, polo que, cos orzamentos da Xunta para 2022, de 11.627 M€, isto equivalería poñer á disposición da administración local galega 2.325M€; e presentar á maior brevidade un proxecto de lei de financiamento local acordado coa FEGAMP, un proxecto que clarifique as competencias municipais, determine o seu financiamento e garanta un fluxo de fondos anuais repartidos de xeito obxectivo e transparente que permita a planificación das políticas municipais.

Exit mobile version