Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno de Foz, a proposta do PP, insta ao goberno local a adquirir unha parcela no 2022 para ampliar o centro de saúde

Foz, 3 de decembro de 2021. O PP leva a iniciativa no Concello de Foz, como se viu con claridade na máis recente sesión plenaria. No pleno ordinario correspondente ao mes de novembro, celebrado onte, a corporación municipal instou, ao fío dunha moción do PP, ao goberno de Foz a que nos próximos orzamentos do Concello inclúa unha partida para comprar os terreos situados entre o centro de saúde e o colexio O Cantel para ampliar o centro de saúde, un proxecto do que xa informou o Sergas dentro do Plan de Infraestruturas Sanitarias. A moción popular foi aprobada cos votos do Partido Popular e a abstención do resto dos grupos.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “O acordo insta ao goberno a que merque eses terreos no 2022 e os poña a disposición da Xunta para que poida facer a obra na segunda parte da lexislatura, é dicir, nos anos 23 e 24, posto que está na fase dous dese plan. A ampliación suporá unha nova base para o 061 e ampliar certas salas do centro de saúde actual; dotar con unha sala mellor para pediatría, outra mellor para triaxe e urxencias, despachos novos e espazo para almacenaxe. É necesario comprar eses terreos, iniciar o proceso e necesitamos o ano 2022, non podemos durmirnos”.

Castiñeira sinala: “Estamos contentos por seguir este proceso que iniciamos no seu momento, cando gobernabamos; gracias a aprobar o PXOM, esa parcela permite esa construción. Hai que lembrar que a parcela do centro de saúde está totalmente esgotada e precísase ampliar. Esperemos que o goberno cumpra este mandato da corporación municipal”.

Exit mobile version