Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP celebra que a conselleira solicitara convocar á comisión de seguimento da depuradora de Foz para anunciar a próxima licitación das obras

Foz, 15 de decembro de 2021. A construción da nova depuradora de augas residuais, en Forxán, resolverá un dos graves problemas infraestruturais que ten Foz. A conselleira Ethel Vázquez de a coñecer na mañá de hoxe en que momento se atopan os trámites para levantar a nova EDAR. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “O grupo municipal do PP participou no día de hoxe na reunión coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, en Foz, na que anunciou a próxima publicación no DOG da licitación do proxecto da obras da nova depuradora. Estaba citada a comisión de seguimento da depuradora de Foz, unha comisión municipal que o grupo popular leva tempo pedindo ao alcalde que a convoque e non se facía así. Agradecemos á conselleira que quixera presentar este proxecto diante dos veciños, especialmente dos máis directamente afectados, das asociacións de Fazouro, de Foz e de Forxán. Tamén diante dos grupos políticos, algo que non quixo facer o alcalde, entendemos que por medo a terse enfrontado aos veciños que enganou durante a campaña das municipais, na que prometeu que a depuradora non iría na nova localización”.

Castiñeira di que “dende o PP agradecemos o cambio de actitude do alcalde e do BNG, que no seu momento eran contrarios a esta ubicación. É certo que non lles quedou outra que tirar para adiante porque os avances conseguidos polo PP, no seu momento dende o goberno local e despois dende a oposición, e a perseverancia da Xunta de Galicia, de Augas de Galicia, neste proxecto levou ao Concello de Foz a non ter máis remedio que seguir avanzando”.

Para os populares, “é unha moi boa nova; estamos orgullosos do traballo feito dende o goberno e, por suposto, tamén dende a oposición, para que os compromisos se materialicen e un deles será a próxima licitación”.

Castiñeira sinala: “Esperemos que nos próximos meses se avance na contratación e que o Concello de Foz avance tamén no cumprimento dos seus compromisos, porque debe comprar ou expropiar os terreos nos que irá ubicada a nova depuradora e despois cedelos a Augas de Galicia para que inicie as obras o antes posible”.

Exit mobile version