Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Un mar en común’, o proxecto que dinamiza o tecido asociativo dos Galp, organiza unha xornada de encontro e formación no Galp de A Mariña-Ortegal

Viveiro a 1 de decembro de 2021. Este xoves, 2 de decembro, a partir das 17.30h. terá lugar no Salón de Actos da Confraría de Burela, un encontro entre os asociados do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña- Ortegal. Unha experiencia dinámica, destinada principalmente á xeración de comunidade, estará composta dunha parte na que tecer redes entorno a un viño español e unha sesión formativa impartida pola coaching e facilitadora de procesos de aprendizaxe, Raquel Pedrouso.

A interacción da primeira parte favorecerá as sinerxías entre os diferentes asociados/as asistentes co obxectivo de espertar, abrir e proxectar novas posibilidades de desenvolvemento e crecemento económico no territorio a través da interacción e a colaboración dos axentes locais, as entidades e os asociados/as.

A sesión de coaching-formación servirá para presentar o proxecto “Un mar en común. A afouteza da xente do mar”, que é e quen hai tras el, falar da importancia da cooperación para poñer en valor o territorio e fixar emprego, do papel da innovación e a tracción nos traballos relacionados co mar e sobre todo a construción colectiva do futuro de Galicia.

Na actualidade o GALP A Mariña – Ortegal conta con 52 entidades asociadas pertencentes ao sectores pesqueiro, social, económico e público, todas elas convidadas ao evento. Aproximadamente unha vintena de persoas, pertencentes á Confraría de Burela, á Asociación de Redeiras Cabo Burela e á de Percebeiros de Meirás, ao Club de Mar de Cariño, ao Náutico de Ribadeo, Centro Histórico e Concello de Viveiro, e Concello de Valdoviño participaron xa nas entrevistas que a directora de proxecto, a antropóloga Cristina Valdés, está a realizar dende finais de setembro dentro da primeira fase do proxecto.

O de mañá en Burela será o primeiro dos 4 encontros programados (un en cada GALP participante no proxecto) que continuarán os días 9 de decembro ás 17.30h na Casa do Mar de Sada (GALP Golfo Ártabro Sur), o 10 de decembro ás 17.00h. na Casa do Pescador de Miño (GALP Golfo Ártabro Norte) e rematará o 11 de decembro ás 11.00h no Museo Manuel Torres de Marín (GALP Ría de Pontevedra, promotor do proxecto).

“Un mar en común. A afouteza da xente do mar”
O proxecto, do que é responsable a antropóloga e investigadora Cristina Valdés Méndez, foi promovido pola Consellería do Mar a través do GALP Ría de Pontevedra e ten como obxectivos fortalecer o tecido asociativo territorial dos GALP, dotando de ferramentas ás persoas e ás entidades para mellorar a súa relación e a súa comunicación interna e externa.

O traballo de investigación está a permitir facer unha diagnose da situación na que se atopa o sector e poñer en marcha un conxunto de accións (talleres, intercambios de boas prácticas) para impulsar a cooperación e a colaboración interterritorial mediante a participación dos 4 GALP citados anteriormente.

Estruturado en catro fases – e actualmente entre a 1ª e a 2ª – na primeira estase a entrevistar aos integrantes das asociacións que forman parte dos GALP para coñecer as súas opinións; na segunda – da que forma parte a actividade do día 2 de decembro – realizaranse as xornadas de formación/ interacción segundo as necesidades que traslade cada grupo; na terceira farase unha posta en común entre as entidades pertencentes aos diferentes Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e por último, na cuarta fase, publicaranse os resultados acadados durante a investigación e propoñerase un manual de boas prácticas que sirva de guía para manter a dinamización do tecido asociativo no futuro.

Exit mobile version