Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación urxe á Xunta a resolver o déficit de máis de 14.000 prazas de residencia que existe en Galicia

Lugo, 25 de xaneiro de 2022. A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a resolver o déficit de 14.331 prazas en residencias públicas da terceira idade que existe na comunidade galega. Unha decisión que foi acordada no Pleno ordinario de xaneiro celebrado este martes ao aprobarse unha moción defendida polo PSdeG, que contou cos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e en contra do PP.

A administración provincial insta a que se creen todas estas prazas baseándose no último estudo da asociación estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que constata esta realidade, tomando como referencia a media de 5 prazas de residencia por cada 100 persoas maiores de 65 anos que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que a pandemia da Covid-19 deixou de manifesto que o modelo de atención das persoas maiores que ten en marcha a Xunta “é un fracaso”. “Son grandes residencias masificadas, pensadas na procura do beneficio económico das empresas privadas e que non garante nin a digna atención dos maiores, nin as adecuadas condicións laborais dos traballadores”.

Na súa intervención, Rivera Capón explicou que a iniciativa presentada ten como xermolo a defensa dos servizos públicos. Manifestou que é necesario “desenvolver unha rede de residencias públicas na comunidade”. Así mesmo dixo que “a Xunta ten que asumir as súas obrigas e competencias en materia social financiando a Rede Pública de Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo”, e en terceiro termo matizou que é preciso que o Goberno galego “mellore o desenvolvemento do sistema de servizos sociais para garantir que os dereitos dos cidadáns se convertan nunha cobertura real das necesidades”.

Rivera Capón expuxo con datos do Consello Consultivo de Contas que en Galicia o tempo medio para obter unha praza nunha residencia pública galega é de 453 días. O Deputado de Promoción Económica e Social subliñou que, mentres que a Xunta, con máis de 11.000M€, non creou nin unha soa residencia pública nos 12 anos de Goberno de Feijóo, a Deputación de Lugo, con 100M€ de presuposto, ten en marcha 7 centros públicos de maiores, máis que a propia Administración autonómica na provincia.

Apoio ao IES de Becerreá
No Pleno de hoxe tamén saíu adiante unha proposta socialista en apoio das reivindicacións dos alumnos e alumnas e da comunidade educativa do IES de Becerreá e en defensa da calidade do ensino rural. Unha iniciativa que contou coas votos a favor do PSdeG e o BNG e os votos en contra do PP.

A institución provincial insta á Consellería de Educación a recuperar a optativa de francés no IES de Becerreá, tamén a atender as reivindicacións sobre falta de profesorado e sobre as agrupacións inadecuadas do alumnado nas aulas, e pide que se adopten medidas necesarias para garantir que o ensino público no rural achegue a nenos e nenas, rapaces e rapazas unha oferta educativa en pé de igualdade á que se dá nas cidades.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, expuxo que ao inicio deste curso comezaron as mobilizacións en Becerreá para pedir que se recupere a materia optativa de francés, sendo a última manifestación o 19 de xaneiro. “Estas protestas convertéronse nun símbolo de contestación social que xera en Galicia o ataque ao ensino público que leva a cabo a Consellería de Educación e a Xunta, un exemplo de rexeitamento que a sociedade galega amosa ante unha xestión que ignora a realidade galega e quere impoñer un modelo de dúas velocidades, un para o rural e outro para as cidades”.

García Porto lembrou que neste centro se eliminou a optativa de francés a pesar de que había alumnado matriculado nela e que contaban co materia para poder sumar 2 puntos na cualificacións da ABAU, tendo en conta que no IES traballa unha docente con horario dispoñible para impartir a materia. A Xunta eliminou esta optativa ao ditar que se supriman aquelas materias nas que non haxa un mínimo de cinco alumnos e alumnas, “unha medida que amosa un descoñecemento absoluto da demografía do rural e do propio concepto de optativa”.

“O que acontece en Becerreá non é, por desgraza, un caso illado”, relatou a Deputada. “Esta situación súmase ao peche unilateral do colexio de Baamonde, a agrupación do alumnado nas Nogais, ou a redución de docentes no IES Lamas das Quendas, entre outros múltiples exemplos”, referiu García Porto ao explicar que a moción defende “un ensino público, universal e de calidade, que garanta unha igualdade de oferta e oportunidades para a mocidade da provincia con independencia do lugar no que residan”.

Exit mobile version