O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que son axudas de concorrencia non competitiva, que se conceden a todos os solicitantes que cumpran os requisitos ata esgotar o crédito. Ao respecto, lembrou que en 2021 ampliouse o orzamento inicialmente previsto, ata acadar os 900.000 euros, para dar resposta á elevada demanda rexistrada.
Arias mantivo hoxe un encontro con Javier Marcos Bermúdez, taxista do concello de Lugo que mercou un ecotaxi ao abeiro da última orde de subvencións -correspondente ao ano 2021-. O delegado destacou que os beneficiarios “non só melloran o servizo que prestan aos seus clientes senón que benefician ao conxunto da sociedade coa súa decisión de utilizar coches adaptados e menos contaminantes”.
As axudas, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para o caso da compra de vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida -os denominados eurotaxis-; a 6.000 euros para vehículos de emisións cero; e a 4.000 euros para a compra de taxis de baixas emisións.
Na provincia de Lugo concedéronse na pasada convocatoria un total de 30 axudas, dado que varios taxistas recibiron apoios por sumar accesibilidade e consumo eficiente. En concreto, 17 foron para eurotaxis, 12 para ecotaxis e unha para un vehículo de cero emisións.
O municipio de Lugo rexistra cinco beneficiarios; hai dous en Baleira, A Pontenova e Mondoñedo respectivamente, e un en Abadín, Bóveda, Carballedo, Castroverde, Foz, Friol, Láncara, Meira, Palas de Rei, Pantón, A Pobra de Brollón e Sarria. Todos son titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.
Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade deste sector do que dependen máis de 3.600 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.
Dende a primeira convocatoria desta liña de axudas, no ano 2016, o investimento en Galicia elévase a 3,6 millóns de euros, que facilitaron a compra de preto de 230 vehículos adaptados; de 316 taxis de baixas emisións; e de 15 vehículos de emisións cero.