Esta precariedade asistencial viuse nestes últimos días aínda máis agravada ao ter constancia que nalgúns días o centro de saúde contou unicamente coa presenza dun facultativo para a atención da totalidade da poboación de Viveiro. Situación que podemos cualificar coma caótica e conducente, segundo vai progresando a casuística tanto de pacientes coma de presenza de profesionais, ao peche do centro sanitario.
Desde CIG-Saúde tamén somos coñecedores de que gran parte dos e das pacientes está a sufrir anulacións e adiamento de citas, ata en 16 días, sen previo aviso ou, no mellor dos casos, cunha chamada telefónica no mesmo día que tiñan que acudir á consulta.
Este desmantelamento do Centro de Saúde de Viveiro, próximo ao peche das súas portas, é consecuencia directa da incompetencia xestora do SERGAS e da Xerencia. Sendo conscientes de que esta sexta onda da pandemia está a aumentar tanto a presión asistencial como o número de baixas de profesionais contaxiadas, tamén acreditamos que este sindicato leva anos advertindo do caos que se aveciñaba pola desidia e abandono ao que o SERGAS relegou a Atención Primaria.