Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezou en Ribadeo a realización de test de antíxenos

Ribadeo, 10 de decembro de 2022. Hoxe comezaron a facerse en Ribadeo os test de antíxenos en saliva. As probas lévanse a cabo no pavillón polideportivo da Avenida de Luarca, onde persoal do Hospital Público da Mariña estará os luns, os mércores e os venres de dez da mañá a dúas da tarde para atender a toda a veciñanza que decida acudir a esta cita. No pavillón estiveron esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, a directora do Hospìtal Público da Mariña, María José Cortés, e concelleiro ribadense Jorge Díaz.

O rexedor ribadense declarou que “abrimos agora ás dez da mañá este punto de test de antíxenos aquí no pavillón polideportivo novo, que está na Avenida de Luarca, de acordo co requirimento que nos fixeron as autoridades sanitarias e que mostramos conformidade absoluta e puxémoslles a disposición este pavillón, que polas súas dimensións non ten ningún problema”.

Suárez Barcia sinalou que “vemos que agora a primeira hora que está habendo bastante xente. Aínda que os test son rápidos, practicamente en dez minutos sábese o resultado, polo que contemplamos que ao longo da mañá se vaia normalizando esta cola que hai agora de inicio. Realmente este punto de test de antíxenos para o covid está dirixido a toda a poboación en xeral, especialmente aos asintomáticos, tamén aos contactos de positivos que teñan curiosidade por ver se eles tamén están contaxiados ou en todo caso para calquera outra persoa que queira saber se ten o covid ou non”.

O alcalde de Ribadeo fixo un chamamento “non só ás persoas de Ribadeo senón dos concellos da contorna que os luns, os mércores e os venres en horario de dez da mañá a dúas da tarde, poden vir aquí sen ningún problema, hai lugares de aparcamento próximos, e poden saír de dúbidas e facer este autotest e hai persoal facultativo do Hospital da Costa que estará aquí todos estes días”.

Exit mobile version