Site icon Crónica3.com A Mariña

Incendio no polígono de San Cibrao

Cervo, 20 de xaneiro, 2022. Un incendio declarado esta tarde en Cervo nunha nave industrial de distribución de bebidas está a afectar ao seu interior, sen que se rexistrasen danos persoais.

Arestora, os servizos de emerxencia desprazados tratan de sufocar o lume.

Foi unha persoa particular quen contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, ás 15:45 horas, para alertar do incendio. Nada máis recibir o aviso, desde Emerxencias Galicia se puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Barreiros e de Viveiro, dos membros do GES de Cervo, da Garda Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, mobilizaron, de forma preventiva, unha ambulancia ata o lugar.

Ademais, os xestores de emerxencias do 112 Galicia informaron á Garda Civil e aos voluntarios de Protección Civil de Burela, Ribadeo e da localidade.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, trasladoulle ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a solidariedade e o apoio do Goberno de España diante do incendio rexistrado esta tarde nunha nave dunha empresa de distribución de bebidas no polígono de Cuiña, en San Cibrao.

Isabel Rodríguez, que viaxou hoxe a Madrid para participar na segunda reunión da Mesa de seguimento do acordo de viabilidade da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao, celebrada este mediodía no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, púxose en contacto telefónico esta tarde co alcalde de Cervo para interesarse polo sinistro e ofrecerlle a colaboración do Goberno.

A subdelegada está en permanente contacto cos mandos da Garda Civil, que desprazou de inmediato medios ao lugar do incendio, e con Protección Civil para coñecer a evolución do incendio, do que mantén informado ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

Rodríguez destacou o gran labor que están a facer todos os medios que colaboran para controlar o lume, minimizar os desperfectos causados e evitar que o incendio producira danos persoais.

Exit mobile version