Site icon Crónica3.com A Mariña

Manuel Rouco, elixido presidente do PP de Burela

Burela, 31 de xaneiro de 2022. O actual portavoz municipal e presidente da xestora do PP local, Manuel Rouco, foi elixido presidente do PP de Burela por aclamación no congreso celebrado este luns na localidade coa participación do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta do PP provincial, Elena Candia; o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; o secretario de organización, Javier Vázquez Prado; o coordinador xeral, José Manuel Balseiro; alcaldes e portavoces da comarca, entre outros compañeiros do PP lucense.

A xunta directiva complétase con: María José García Eiroá como secretaria e Yovana Oroza, Ana María Álvarez, Javier Pardeiro, Félix Martins, Belinda Romero, Josefa Yáñez, Alberto Ramos, Luis Miguel Pedre, José Luís González Arnau, José Casas, Jenaro González, Plácido Fra e Alberto Rapa como vogais.

A máxima dirixente provincial explicou que “o Partido Popular continúa a renovar os órganos de dirección a nivel local e a reorganizar o traballo nas agrupacións municipais. Candia destacou que “somos un partido de xente normal, de principios e valores que favorece a incorporación de xente moza e coida da xente maior en idade e que leva máis tempo no partido. O noso obxectivo é construír unha Burela mellor. Para iso confía no equipo e no compromiso de Manuel Rouco. Esforzarémonos con cercanía e humildade para facer chegar o noso proxecto aos veciños de Burela. Non será fácil, pero imos traballar porque non é o mesmo que gobernen uns que gobernen outros. E creo que temos unha oportunidade porque o proxecto do PSOE está agotado”.

Candia tivo palabras de agradecemento para ABSA por ceder as súas instalacións, lembrou á xente do mar e ao persoal sanitario pola labor que desenvolveu durante estes dous anos de pandemia. E, precisamente, en relación ao ámbito sanitario lembrou que en Burela goberna o partido que dicía que ía pechar o hospital e non só non se pechou; senón que se aumentou e mellorou.

A mandataria provincial tivo palabras críticas co PSOE en materia de vivenda que “mentres unha ministra aprobaba en Madrid un lei de vivenda dirixida, dicían, a solucionar os problemas das persoas que non teñen vivenda; en Burela querían botar á rúa aos veciños que están cos pagos ao día”. Rouco tamén lembrou a inactividade do goberno local neste eido e o traballo do Grupo Parlamentario Popular para evitar o desafuizamento dos veciños.

Traballar con criterio e seriedade por e para os veciños de Burela
O novo presidente agradeceu o apoio dos afiliados e comprometeuse a “seguir traballando e dedicando os nosos esforzos na pouco visible, en ocasións, tarefa que supón estar na oposición”. Tamén continuaremos coa escoita activa aos bureleses para achegar propostas que dean resposta ás súas demandas. De feito, lembrou que “xa nas pasadas eleccións o noso partido presentou máis de 100 propostas froito da recompilación das necesidades que nos trasladaban os veciños sobre distintos ámbitos”.

Rouco confía no equipo do PP de Burela: “temos xente preparada e capaz nas nosas filas para afrontar o proxecto que precisa Burela. Hoxe en día, a sociedade cambiou moito con respecto a de hai 10 ou 20 anos polo que debemos e estamos preparados para adaptarnos a ese cambio”. En definitiva, asegurou que “dispoñemos das pezas necesarias para facer o que ten que facer unha agrupación local dunha vila coma Burela: traballar con criterio e seriedade para e por os veciños, sen darlle as costas nin deixar a ninguén atrás”.

O máximo responsable do PP burelés explicou que: “no próximo ano Burela debe decidir se quere seguir sendo o furgón de cola da Mariña e confiando nos partidos que agora mesmo están a lastrar o futuro da nosa vila ou recuperar a hexemonía na comarca. Neste último caso, dende o PP de Burela estamos e estaremos preparados”.

Exit mobile version