Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo lucirá tamén nos pés

Mondoñedo, a 3 de xaneiro de 2022. O Concello de Mondoñedo, sempre atento á promoción dos valores patrimoniais do municipio e das iniciativas dos emprendedores,  deu un paso máis neste camiño e chegou a un acordo coa marca SomosOcéano. O obxectivo do acordo é que elementos do patrimonio material, inmaterial e gastronómico do municipio estean representados na súa colección de calcetíns. A idea xorde de emprendedores locais: Álex Teijeiro (Calenda) xunto coa marca SomosOcéano. Dende o Concello destacan a xuventude e creatividade dos emprendedores galegos.

Os calcetíns estarán á venda dende mañá na Oficina de Turismo,  a 10 euros, despois de que o Concello aprobara unha taxa, ao amparo da ordenanza que regula a venda de produtos de merchandising.

Dende o goberno local explican que o Concello aproveita cada ocasión que se lle presenta para tentar posicionarse como administración colaboradora; busca colaboracións con iniciativas con talento e innovación, para abrirse oco como territorio dinámico, ilusionante e novo. Neste caso, suman esforzos e sinerxías para promocionarse aproveitando tendencias de moda.

SomosOcéano naceu en 2016, baixo a premisa de ofrecer moda atlántica e sabor do norte en prendas atemporais e sostibles. Materialízase nunha colección de camisetas, suadoiros e calcetíns deseñados en Galicia (entre Vigo e Tui) confeccionados en algodón e algodón orgánico.

Os calcetíns de SomosOcéano están confeccionados en algodón peiteado, que son as fibras máis longas, suaves e resistentes do algodón. Non teñen costura na punta, polo que son moi cómodos; parece que están feitos dunha soa peza. Fabrícanse en máquinas de 200 agullas, o que permite que os debuxos teñan moita definición e un alto grao de detalle.

Exit mobile version