Site icon Crónica3.com A Mariña

No pleno deste venres de Ribadeo, someteranse a aprobación os convenios coa Deputación sobre o Centro de Atención a Persoas Maiores

Ribadeo, 27 de xaneiro de 2022. Mañá, 28 de xaneiro, celebrarse pleno ordinario no Concello de Ribadeo. Será ás sete da tarde a través de vídeo conferencia. Entre os asuntos que se someterán a aprobación figuran os convenios interadministrativos coa Deputación Provincial sobre o Centro de Atención ás Persoas Maiores de Ribadeo; un recoñecemento extraxudicial de crédito para facer fronte ao pago de facturas do ano pasado que os provedores presentaron xa iniciado este 2022 e a modificación da ordenanza fiscal reguladora da plusvalía.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo: “un importante pleno ordinario, que celebraremos mañá, venres, e no que levaremos a proposta que facemos bilateralmente, tanto a Deputación de Lugo como o Concello de Ribadeo, no senso de aprobar unha addenda aos convenios de colaboración que regulan a xestión do Centro de Atención ás Persoas Maiores de Ribadeo, é dicir a nova residencia de maiores, que hoxe en día é o fogar dunhas 48 persoas. Os convenios iniciais foron asinados no ano 2018 e a súa vixencia remata no mes de xuño deste ano, polo que ambas as dúas partes queremos prorrogar todos os seus efectos outros 4 anos, que é o límite posible que marcan as leis de procedemento administrativo actualmente. Así prorrogaranse ata o ano 2025, o que supón un orzamento, vinculado a estas ampliacións do tempo, de case 3,8 millóns de euros, que son satisfeitos con recursos da Deputación, do Concello e tamén dos usuarios, de acordo coas ordenanzas que se estableceron ao inicio desta andaina tan marabillosa como foi a coordinación e a cooperación entre dúas administracións para a xestión de xeito público e directo dun dos mellores centros de maiores que poidamos ter aquí, en Galicia e en todo o Estado”.

O rexedor explicou que “tamén neste pleno trataremos a modificación da ordenanza que regula os valores dos terreos de natureza urbana, o que comunmente se chama a plusvalía, porque hai uns meses o Tribunal Constitucional estableceu que os métodos de cálculo que usamos os Concellos non estaban axustados a dereito, de aí que o goberno do Estado a finais de 2021 estableceu un novo real decreto lei que si se adapta á xurisprudencia deste tribunal e no que daba un prazo de seis meses para que os Concellos puidésemos adaptar as nosas ordenanzas a estes novos criterios. E é por isto que traemos ao pleno a proposta que os técnicos fixeron e na que, entre outras cousas, se sinala que a recadación baixará notablemente, precisamente polos novos métodos de cálculo, algo que xa temos previsto no orzamento do ano 2022, pois xa prevemos unha redución de ingresos de aproximadamente nun 50 por cento, pasando de 100.000 euros do ano pasado a 50.000 euros deste ano”.

E engadiu: “e logo tamén teremos un punto para recoñecemento de aprobación de facturas do ano anterior, que foron presentadas polos provedores neste ano 2022”.

Exit mobile version