Site icon Crónica3.com A Mariña

Nos vindeiros días darán comezo os traballos de mellora da rúa Antonio Otero de Ribadeo, no treito comprendido entre a Biblioteca Municipal e o porto

Ribadeo, 7 de xaneiro de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, supervisaron as obras rematadas no cruce das Catro Calles e achegáronse ata a rúa Antonio Otero, onde nos próximos días darán comezo os traballos de mellora deste vieiro, no treito comprendido entre a Biblioteca Municipal e o porto. O investimento ascenderá a máis de 84.000 euros e o prazo de execución será de 2 meses.

O rexedor dixo que “a subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez, sempre é benvida en Ribadeo; non é a primeira vez que vén aquí e valoramos moito a súa presenza. E ademais neste caso supervisando unhas obras xa feitas nestes días e visitando os lugares onde se van facer outras agora, a principios de ano, como na rúa Antonio Otero, na continuación das Catro Calles, neste cruce que fixemos nas últimas semanas. Despois do Nadal vamos empezar con forza en toda esta parte do casco vello, desde aproximadamente a biblioteca municipal cara ao porto, que é un treito que está deteriorado desde hai moitos anos e agora, por fin, ímoslle dar solución. Para iso utilizamos o diñeiro que temos da Área de Rehabilitación Integral (ARI) nestas partes de obra pública que financiamos entre o Concello de Ribadeo e o Ministerio”.

Suárez Barcia subliñou que “con estas iniciativas trátase de ir dinamizando o casco vello, como vamos seguir facendo agora con outros instrumentos, como a área Rexurbe. E esperamos ter máis recursos económicos porque aí tamén tanto a Xunta de Galicia como o Goberno do Estado teñen que seguir aportando; e esperemos que sexa moito, en cantidade e en calidade”.

O investimento realizado na mellora do cruce das Catro Rúas ascendeu a 23.000 euros.

Xunto a Fernando Suárez e Isabel Rodríguez estiveron os concelleiros de Obras e Medio Ambiente, Mónica Freire e Jorge Díaz, así como a edil socialista Marta Rey.

Exit mobile version