Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de A Fonsagrada deixa o concello sen Policía Local e sume ao municipio “nun auténtico caos”, afirma o PP

A Fonsagrada, 20 de xaneiro de 2022. O alcalde de A Fonsagrada deixa o concello sen Policía Local e sume ao municipio “nun auténtico caos”. Así o indica o voceiro do PP, José Regueiro, pois nos Orzamentos aprobados esta mesma semana polo PSOE, coa abstención do BNG, o rexedor amortiza a praza deste servizo. “Non temos a ninguén que controle o tráfico, as sacas de madeira, os mercados….”, denuncia Regueiro.

Para os populares esta decisión do socialista, coa “complicidade” dos nacionalistas, resposta “á política de desmantelamento” que iniciou este alcalde ao despedir os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES). “Nestes momentos, o concello está totalmente descontrolado e desprotexido en materia de seguridade cidadá”, alerta o voceiro do PP.

Este feito foi o que levou ao Grupo Municipal do PP a votar en contra no pleno da medida liderada polo PSOE. José Regueiro lamenta neste senso “a irresponsabilidade” que demostra tamén o grupo do BNG pois, no caso dos GES, si que apoiara a demanda de recuperar este servizo, impulsada polos populares, pero, desta volta, decidiu absterse, favorecendo a aprobación da amortización de dita praza. Por tanto, esta decisión, unida á eliminación dos GES, leva á Fonsagrada“a unha desprotección absoluta”.

Servizo desmantelado en pouco tempo
Este concello sempre tivo dous efectivos na Policía Local. Un deles xubilouse en 2019, que foi substituído por un máis mozo, pero que tamén tivo problemas co alcalde; o que provocou que o profesional solicitase unha comisión de servizo que lle foi autorizada. Finamente, e coa decisión aprobada nos Orzamentos, este municipio da Montaña queda definitivamente sen este reforzo.

O proceder dos feitos amosa para José Regueiro que “os socialistas son uns auténticos destrutores dos servizos de seguridade”. “Non temos GES, non temos Policía Local… veremos que pasa se se produce un accidente. Despois será tarde”, advirte. E é que, engade, “pola nosa orografía as posibilidades dalgún suceso increméntanse. Por iso, cremos deixar aos veciños desprotexidos desta maneira, é impropio de calquera alcalde que dirixa algún concello como o noso, no que a dispersión xeográfica e as características propias da Montaña, son determinantes para o mantemento destes servizos”, conclúe.

Exit mobile version