Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG amosa a súa preocupación pola situación sanitaria, tras unha xuntanza en San Cibrao con traballadoras do sector e coa Plataforma en Defensa da Sanidade pública da Mariña

A Mariña, venres 21 de xaneiro de 2022. A deputada nacionalista e portavoz de sanidade no Parlamento Montse Prado, o deputado mariñao Daniel Castro, o portavoz municipal en Cervo Diego Fernández e o responsable comarcal Antonio Veiga desenvolveron hoxe unha xornada de traballo en San Cibrao reuníndose primeiro coas traballadoras do Centro de Saúde da localidade e despois coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña para tratar a grave situación que está atravesando a sanidade pública na comarca, especialmente a Atención Primaria.

Situación caótica na maioría dos concellos
O paulatino e continuado desmantelamento ao que o PP someteu a sanidade pública na última década coa supresión da Área Sanitaria da Mariña por medio, vese agravado agora coas sucesivas ondas da pandemia sen que desde o Sergas nin desde a Xunta se poña remedio á actual caótica situación, que xa sobrepasa todos os límites en concellos coma Viveiro, en cuxo centro de saúde, e debido á enorme presión asistencial por falta de profesionais, estanse facendo derivacións desde o PAC ao Hospital da Mariña sen previa valoración.

A falta de profesionais repítese tamén noutros concellos e centros de saúde da comarca coma San Cibrao, Foz, Burela (donde se suprimíu a quenda de tarde) Ribadeo… O servizo de HADO e paliativos presencial está baixo mínimos, tendo que asumir eses servizos a atención primaria ao elimináreno en dez dos catorce concellos nos que se prestaba. Outro dos problemas é a atención telefónica que se encontra sobresaturada, e que en concellos pequenos e con poboación avellentada fan prácticamente imposible concertar citas para consultas debidamente en moitos casos.

Diante da situación precaria e de desmantelamento agravada agora pola pandemia o Bng propón a recuperación da Área Sanitaria da Mariña e das Xerencias de Atención Primaria.

O PP nega a evidencia
“Ante esta grave situación o Partido Popular non só mira para outro lado, senón que nega a evidencia, e escúdase na pandemia para tapar o que veu sendo un desmantelamento programado, algo que nin os mariñaos e mariñás nin o Bng lle imos consentir” afiromu Daniel Castro.

Menos cartos públicos para a Atención Primaria
Neste mesmo punto, a deputada Montse Prado confirmou con datos ese desmantelamento, pois a día de hoxe en 2022, a Xunta destina nos orzamentos 47 millóns de euros menos ca no 2009 para a Atención Primaria, que tendo en conta a aplicación do IPC neses trece anos, realmente terían deixado de consignar 277 millóns de euros para a base da sanidade pública, a Atención Primaria, o que demostra que este desmantelamento foi programado.

Exit mobile version