Site icon Crónica3.com A Mariña

“O BNG aposta pola marca España”, por José Manuel Balseiro

Comeza a Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid, á que a comunidade galega acode amparada polas súas dúas principais marcas: Galicia Calidade e Xacobeo. Dous símbolos consolidados que serven de paraugas ao conxunto de institucións e entidades, entre as que se atopan algunhas que superan o ámbito provincial, tales como Ribeira Sacra ou Rías Baixas. Todas elas aproveitarán este escaparate de Turismo de Galicia para facer promoción do noso territorio.

Tanto Galicia Calidade como o Xacobeo son marcas xa emblemáticas, moi arraigadas, nas que se investiu moito traballo e diñeiro, un esforzo que, afortunadamente, foi rendible. Galicia Calidade exalta a calidade paisaxística, patrimonial e gastronómica da nosa comunidade, mentres que os camiños de Santiago convertéronse nun elemento dinamizador do territorio da Galicia interior e do turismo espiritual e cultural.

Ninguén dubida de que estas marcas contan cun prestixio que potencia o tirón das distintas comarcas e provincias galegas. Por esta razón, resulta chocante que as deputacións de Lugo e Pontevedra, nas que cogobernan PSOE e BNG, xunto ao Concello de Vigo, decidan abandonar a stand de Turismo de Galicia para apostar polo de Turespaña. Esta decisión evidencia que os seus responsables sitúan o protagonismo persoal ou os seus intereses políticos por riba do ben común.

José Tomé, presidente da entidade provincial lucense, súmase ao carro da súa homóloga pontevedresa, Carmela Silva, a pesar de que o seu etéreo proxecto ‘Lugo de cinema’ trata de vender natureza e patrimonio, unha estratexia moi en consonancia coa que leva desde hai anos Galicia Calidade. Con estas coincidencias é difícil que os cidadáns entendan cal pode ser a diferenza de criterios promocionais que sustentan esta espantada.

Resulta tamén estraño que o BNG secunde ese xesto de provincialismo rancio e abandone a marca Galicia para apostar pola marca España. Ese xiro podería ter un aspecto tranquilizador se supuxera que a fronte que dirixe Ana Pontón abandona o seu radical imaxinario independentista para integrarse nun proxecto común, España, en consonancia co sentir da maioría dos galegos. Pero, se non queremos pecar de inxenuos, debemos preguntarnos se a actitude dos nacionalistas é unha farsa, unha estratexia enganosa ou, simplemente, un xesto de vasalaxe cara ao PSOE.

José Manuel Balseiro Orol
Deputado no Parlamento de Galicia

Exit mobile version