Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro demanda unha solución urxente para o matadoiro

Viveiro, 28 de xaneiro, 2022. O BNG de Viveiro vén de reunirse o pasado martes coas carnizarías e gandeirxs de Viveiro, para abordar a situación do peche do matadoiro dende o pasado mes de maio. Nove meses nos que a situación deste sector se agravou considerablemente soportando maiores custes para desenvolver a súa actividade. Por este motivo, o martes que vén no pleno mensual, a instancias do sector da carne, o BNG presentará un rogo para instar á alcaldía a convocar a unha reunión ás carnizarías e gandeirxs de Viveiro na que explique as solucións que desenvolverán para reabrir o matadoiro.

Dende o BNG quixemos coñecer de primeira man cal era a situación deste sector, a concelleira Míriam Bermúdez insiste: “é necesario poñerse a traballar canto antes para atopar a solución que permita devolver a actividade ao matadoiro. A falta deste servizo está afogando ao sector da carne, sexa carnizarías ou gandeirxs, quenes sofren maiores custes e inconvenientes para desenvolver a súa actividade tendo que acudir aos matadoiros de Ribadeo e Mondoñedo, incrementando notablemente os tempos e custes polo transporte”.

A pesar de que a resolución do contrato ten que seguir os cauces xudiciais, non impide que o equipo de goberno traballe na busqueda de solucións, na redacción de pregos para a posterior licitación e mesmo na búsqueda de fondos para subsanar as deficiencias que presenta a edificación, máis aínda cando os Orzamentos para 2022 están aínda sen aprobar o que permitiría incorporar unha partida para acometer ditas obras.

“No BNG consideramos imprescindible que o equipo de goberno se implique, económicamente incluso, se poña a traballar neste asunto e non deixe pasar máis tempo”, incide a concelleira do BNG Míriam Bermúdez, e afirmou que “desde novembro non se ten realizado ningunha reunión cos grupos da oposición nin tan sequera coas persoas propietarias das carnizarías, quenes nos trasladaron o seu malestar pola falta de información a respecto deste asunto, como tamén que neste tempo non se lles tivese convocado a unha reunión por parte da alcaldía na que informalos.” As carnizarías de Viveiro trasladaron o seu malestar: “sentímonos abandonadxs, e demandamos unha solución canto antes para reabrir o matadoiro”.

Exit mobile version