Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular demanda á SAREB que desista da súa intención de desaloxar a 16 familias en Burela

Santiago, 17 de xaneiro de 2022. A viceportavoz do Grupo Popular, Elena Candia, defendeu hoxe ás 16 familias de Burela ameazadas de desaloxo por parte da SAREB e demandou ao Goberno de España que evite esta actuación da sociedade pública nun inmoble cualificado como de protección autonómica ata o ano 2029. “A solución pasa porque a SAREB reconsidere o seu criterio e permita a prolongación dos contratos de alugueiro”, indicou.

Elena Candia explicou que a SAREB é unha sociedade anónima na que o Estado ostenta o 45,9 por cento do capital, “polo que é o Estado o que ten toda a información e capacidade de poder intervir, mediar e resolver de forma satisfactoria unha situación como a de Burela, que tamén se está a repetir noutras localidades galegas como Narón, Ares ou Silleda.

“Tanto desde o Goberno galego como desde o Grupo Popular velaremos polo cumprimento estrito das condicións que establece a normativa para este tipo de vivendas, co fin de asegurar que se destinen a alugueiro ata a finalización do período establecido”, sinalou a viceportavoz popular.

A XUSTIZA, CO GOBERNO GALEGO

Así mesmo, Candia referiuse ao informe do Consello Xeral do Poder Xudicial que tumba o proxecto de Lei de vivenda do Goberno central, un documento que tiña previsto aprobar no Consello de Ministros de mañá, martes. “Este pronunciamento do CXPX dálle unha vez máis a razón á Xunta nos seus conflitos co Estado, logo de que a Xustiza recoñecera a obriga de devolver o IVE pendente de 2017”, lembrou.

Neste caso, desde o Goberno galego defendíase que a futura Lei estatal é inconstitucional por invadir as competencias autonómicas na materia, atribuídas de forma exclusiva a Galicia tanto pola Constitución Española como polo Estatuto de Autonomía. En concreto, a través desta nova lei, o Goberno central pretendía asumir competencias que corresponden á Comunidade galega sobre a vivenda protexida, a xestión do parque público residencial de titularidade autonómica ou alterar os períodos de protección que afectarán a todo o parque público.

Exit mobile version