Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP destacou no pleno da Deputación o labor desenvolvido pola Xunta para evitar o desaloxo de 16 vivendas da SAREB en Burela

Lugo, 25 de xaneiro de 2022. A sesión plenaria celebrada hoxe pola Deputación de Lugo puxo de manifesto, segundo o portavoz popular, Javier Castiñeira, que o goberno provincial traballa pouco e actúa de maneira descoordinada e incoherente. A veracidade da primeira afirmación queda patente no feito de que a orde do día non incluía ningún asunto de xestión; do acerto da segunda queda testemuña nas posicións asumidas polos dous socios de goberno ao longo da sesión.

A parte máis política do pleno abriuse coa proposta do Bloque Nacionalista en relación co procedemento iniciado pola Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (SAREB) para o desaloxo de 16 vivendas situadas en Burela, na rúa Mar Cantábrico. A iniciativa foi aprobada por unanimidade. O portavoz popular, Javier Castiñeira, destacou que o problema está resolto, polo menos de maneira parcial, grazas a intervención do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que o pasado día 20 logrou o compromiso da SAREB de que renovará os contratos de alugueiro das vivendas protexidas de Burela localizadas nun edificio da súa propiedade, aos inquilinos que se atopen ao corrente das súas obrigas e que continúen a cumprir os requisitos esixidos para o acceso ás vivendas protexidas en alugueiro.

Castiñeira agradeceu a dilixencia coa que actuou á Xunta. Destacou que esta continúa demandado do Goberno central o cambio urxente do criterio con relación aos contratos de alugueiro en edificios propiedade da SAREB, co fin de evitar situacións de desprotección e incerteza entre as familias arrendatarias. O portavoz popular non deixou de apuntar en ton crítico certas “formas abusivas” que aprecia no comportamento da citada sociedade en relación coas persoas que teñen alugados os pisos citados. Castiñeira destacou o relevante papel xogado na solución deste asunto polo portavoz popular en Burela, Manuel Rouco.

Javier Castiñeira manifestou despois do pleno: “A conclusión que sacamos ten dobre perfil. Por un lado, está claro que temos un goberno provincial pouco traballador, porque a orde do día carecía da parte resolutiva, non había expedientes para aprobar. Por outra parte, concluímos que temos un goberno absolutamente descoordinado e incoherente, como se demostra ao ver ao BNG defendendo a postura do ministro Garzón, que vai en contra dos intereses dos gandeiros lucenses que, por certo, fóronse manifestar a Madrid polas declaracións do ministro e pola mala situación que atravesa o sector. Na mesma liña, os nacionalistas xustifican a decisión do PSOE de Lugo de rachar en FITUR co stand de Galicia”.

Os populares lamentan que a falta de xestión impida que a provincia teña un plan estratéxico de turismo. “Lugo no está para iso, necesita un plan de turismo como o que nós propuxemos neste pleno, que foi rexeitado polo goberno PSOE-BNG”. Castiñeira explica:: “No pleno pedimos apoio para os nosos gandeiros e tamén PSOE e BNG votaron en contra desta moción. E sorprendente que nos achaquen que non facemos propostas; cando as facemos, pleno tras pleno, votan en contra”.

Exit mobile version