Site icon Crónica3.com A Mariña

Os candidatos ás primarias do PSDdeG na provincia pechan un acordo que garante a unidade e fortalece o partido

Lugo, 17 xaneiro de 2021. Os candidatos ó proceso de primarias do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca e Xosé María Arias Fernández, pecharon un acordo de candidatura única ó congreso previsto para o vindeiro 20 de febreiro.

Tomé e Arias selaron o acordo este luns na sede socialista de Lugo ante a presenza do Secretario Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que avala un consenso que garante a unidade e fortalece o partido, e que responde á sensibilidade maioritaria dentro da militancia da provincia de que non houbera proceso de votación e se lograse a integración como a mellor fórmula para darlle un novo impulso ó socialismo lucense.

José Tomé Roca liderará o Partido Socialista na provincia asumindo a Secretaría Xeral. Pola súa banda, Xosé María Arias terá un posto de máxima relevancia orgánica como é a Vicesecretaría Xeral.

O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte e o rexedor de Castroverde, que contan cunha ampla traxectoria e experiencia tanto no plano institucional como orgánico, e que demostraron sempre un compromiso firme co partido, confluíron na importancia fundamental de contar cun partido unido e forte, tanto para ter un mellor posicionamento á hora de defender os intereses da provincia, como para poder consolidar e seguir mellorando os resultados nas eleccións municipais do ano 2023, mantendo as actuais alcaldías e acadando outras novas, e renovando o Goberno da Deputación. Así mesmo, coinciden en que un partido unido e forte na provincia axudará a conseguir un cambio de Goberno na Xunta de Galicia e tamén a manter o Goberno de España.

Apoio ás agrupacións locais
Para elo, un dos obxectivos fundamentais pasa por establecer liñas de traballo e apoio en favor das agrupacións locais, para reforzalas, activalas e dinamizalas, e que dispoñan de todos os recursos e do asesoramento necesarios para facer o seu labor, sobre todo dende a oposición, pero tamén dende o goberno. Así mesmo, os asuntos de índole comarcal ou provincial terán un protagonismo especial entre os asuntos que aborde a Executiva provincial, ao tempo que se fomentará a participación e a coordinación para un mellor funcionamento do partido.

Exit mobile version