Site icon Crónica3.com A Mariña

Amplíase a Cabalgata de Reis de Ribadeo deste mércores

Ribadeo, 5 de xaneiro de 2022. O Concello, a comisión organizadora da Cabalgata e os Reis Magos decidiron esta mañá ampliar un pouco a súa visita a Ribadeo para facilitar que as nenas e os nenos poidan velos.

Os Magos de Oriente recibirán á cativada de seis a oito e media da tarde no quiosco da música, tal e como estaba previsto. Pero antes realizarán un percorrido por Ribadeo. As Súas Maxestades sairán ás 17:30 horas desde o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e pasarán pola Avenida de Galicia, José Vicente Pérez Martínez e Avenida de Asturias para rematar diante do Hospital Asilo. Desde alí irán camiñando ata o parque de San Francisco.

Os Reis Magos, o Concello e a comisión da cabalgata son coñecedores da climatoloxía prevista para hoxe e tamén da situación do covid19 en Ribadeo, de aí que acordasen de xeito unánime facer ese percorrido polas rúas máis amplas da vila “co obxectivo de que a xente manteña as distancias de seguridade e todo o sentidiño posible diante da situación sanitaria que está a vivir Ribadeo, onde hoxe hai 125 persoas contaxiadas. Queremos que as nenas e os nenos vivan con ilusión este día, pero con moita precaución”.

Despois da recepción no quiosco da música os nenos e nenas deberán marchar para os seus fogares coas súas familias, prender o ordenador, a tablet ou o móbil e buscar no facebook do Concello de Ribadeo, porque alí, e por segundo ano consecutivo, os Reis Magos van facer o seu discurso virtual para todos os nenos e nenas de Ribadeo, tanto da vila como das parroquias.

Exit mobile version