Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Reis Magos saudarán aos nenos e nenas de Viveiro este mércores

Viveiro, 3 de xaneiro de 2022. O Concello de Viveiro anuncia para este mércores, 5 de xaneiro, a visita dos Reis Magos á vila, adaptada ao actual contexto sanitario. Esa tarde, as súas maxestades realizarán un amplo percorrido para saudar a todos os nenos e nenas viveirenses.

Os Reis Magos partirán dende Celeiro ás 17:30 en cadanseu vehículo. Pasarán pola ponte da misericordia, cara ao paseo marítimo, subindo posteriormente ata a rotonda das Sirenas. A continuación, descenderán por Cantarrana e pola variante ata o barrio de Xunqueira.

En Landrove darán a volta para regresar pola travesía principal de Viveiro, pasando polo colexio San Roque, a residencia Betania e San Lázaro. Finalmente, regresarán ata Celeiro pasando antes por Lavandeiras. Co obxectivo de evitar aglomeracións, non se repartirán caramelos durante o percorrido.

“Ampliamos o percorrido deste ano, co obxectivo de que todos os nenos e nenas de Viveiro poidan saudar aos Reis Magos nunha actividade ao aire libre, cumprindo cos protocolos sanitarios”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Ademais, o “Vivertren”, programado para esa mesma tarde, non recollerá pasaxeiros/as. Non obstante, montarán no tren as figuras acompañantes dos Reis Magos que tamén saudarán os máis cativos/as.

Dende o Concello de Viveiro, prégase á cidadanía responsabilidade no cumprimento das medidas sanitarias, como a distancia social e o uso de máscara durante a visita dos Reis Magos.

“Programamos deste modo unha actividade segura, na que a infancia de Viveiro poida gozar de novo dos Reis Magos, xa que o Nadal pasado os actos tiveron que ser telemáticos”, indica Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.

Exit mobile version